En paralelo á publicación de A desvértebra en Chan da Pólvora, Ana Romaní reconstrúe boa parte dos seus poemas xunto a Chus Silva para unha serie de audiografías que poderás ir descubrindo na web da editorial a través do seu Laboratorio de Indagacións Poéticas (LIPo). O proxecto consiste en trasladar a voz da poeta ao exterior e integrala nun corpo sonoro. Para a realización de cada peza, gravaron primeiro en estudio os poemas. Logo, reproducíronos por un altofalante en diferentes localizacións e rexistraron de novo o audio mediante unha imaxe. Como resultado, os poemas non só se suman ao espazo, senón que forman parte del: transfórmano e ao tempo transfórmanse.
As preguntas que expón o proxecto [ideado para o uso de auriculares] son realmente inquietantes: Quen escoita a quen? O espazo ao poema ? O poema ás voces que o cruzan? A voz ao lugar? Escoita quen mira? Ana Romaní e Chus Silva rompen as lindes da escrita, da voz e da xeografía para crear unha dimensión comunal única que durante os próximos semanas poderás ir descubrindo no Laboratorio de Indagacións Poéticas (LIPo), unha sección da web da editorial.
As audiografías de A desvértebra apenas amosan movemento. Tampouco ilustran nada que a voz pronuncie. Sinxelamente rexistran a imaxe do son, a voz nun espazo, a dicción do poema nun lugar onde o escoitan ou non. E aínda así e sen que nada semelle moverse hai un substrato vibrante que palpita. Ese é o ámbito que esculca o libro, cruzado de voces e experiencias diversas, nun contexto que alerta do ecocidio e o colapso sistémico, que atende á dor dos corpos crebados e se detén nos mecanismos de control e consolidación da orde patriarcal e o exterminismo capitalista. É a revolta das poboadoras de substratos na urxencia dun cambio de plano, da alianza multiespecies e doutras formas de vida, acaso nunca humanas.