Chan da Pólvora Editora nace no ano 2016 dentro dun proxecto comunal para devolvermos o potencial de acción da poesía. A editora puxo no centro dos discursos a periferia e apostou por un catálogo inclusivo e interxeracional, con cabida para as voces da poesía nacente e as voces xa afirmadas, as que nos sacoden e as que nos acollen.
Tamén naceu con ánimo de intervención directa e por iso promove obras que nos axuden a comprender as caras menos visibles da realidade inmediata, libros que non estaban concibidos e que nós impulsamos co convencemento de que alguén os está esperando. En paralelo, mantemos unha colaboración estable con outros selos e institucións, como Papeles Mínimos ou Amastra-n-gallar para construír canles de intercambio e de ideas.
Para Chan da Pólvora, poñer un libro nas librarías ou nas mans das persoas que nos apoian mediante a subscripción é un desafío e unha responsabilidade. Tamén un pracer. Cada título supón un reto, tanto na esixencia do noso deseño característico como no noso compromiso de calidade coas lectoras e os lectores. Porque cada título intenta ser unha chamada a reordenar a nosa visión do mundo, da vida e da propia poesía.
Chan da Pólvora é un barrio da Illa de Ons onde se fundou a editorial e todas as nosas coleccións denomínanse con topónimos vinculados á cartografía insular. A illa como poema, como lugar de revelación, como paraíso, como agocho, como horizonte e como utopía de futuro.