Publicado o

‘Passa-montanhas’ de Sèchu Sende, forza colectiva

Estes días chega ás librarías a proposta na que Sèchu Sende traballa desde 2021: Passa-montanhas, resultado imprentado en papel dunha acción de vídeopoesia para tiktok. Son máis de 60 poemas escritos para máis de 70 persoas que leron en off os textos cun pasamontañas nunha serie de curtametraxes de aproximadamente un minuto de duración. Trátase, subliña o autor, dunha “reivindicaçom das relaçons sociais, humanas, fronte à deshumanizaçom das redes sociais virtuais”. Passa-montanhas aparece na colección Areal de Melide, creada por Chan da Pólvora Editora para dar soporte a propostas híbridas entre a poesía e outras formas de expresión artística.

Passa-montanhas é o título dun proxecto de videopoesía para tiktok que Sèchu Sende desenvolveu entre 2021 e 2023. Son máis de 60 poemas que distintas persoas leron cos rostros tapados en curtas de vídeo coa intención de reivindicar as relacións sociais e humanas fronte ás redes virtuais. O libro, de carácter colectivo e escrito en galego reintegracionista, busca representar unha sociedade insubmisa, loitadora, activa, militante e rebelde. Para o autor, o passamontanhas é un símbolo contrahexemónico e poñelo significa participar dunha revolución poética. “Se o primeiro Rexurdimento no século XIX foi escrito”, asegura, “o segundo Rexurdimento, de chegarmos a ativá-lo, deve ser oral e fruto dum processo real de participaçom coletiva”. Esa é, precisamente, a perspetiva sobre a oralidade que impulsa Passa-montanhas.

“As pessoas que participam em Passa-montanhas” , indica Sende, “som pessoas queridas, admiradas e ligadas afetivamente a min. Cada poema formou parte dum encontro pessoal, físico, emocional, na vida real. O passamontanhas é um símbolo contrahegemónico, e pór o passamontanhas significa participar dumha revoluçom poética com textos mui variados que vam desde a propaganda ou a crítica social até cançons de amor ou a reflexom existencial”. Neste sentido, engade o poeta, “Passa-montanhas é um livro coletivo, que quer representar umha sociedade insubmisa, luitadora, ativa, militante e rebelde. Estas pessoas que protagonizam o livro som umha parte dum Exército Poético do Povo Galego Ceive. Passamontanhas reivindica a poesia comunicativa e direta, desde a oralidade e dirigida à maioria social. Poesia para comunicar e criar comunidade. 

 

Séchu Sende

Séchu Sende (Padrón, 1972) é escritor, professor e regueifeiro. O seu primeiro libro, Odiseas, (1998), foi un dos primeiros títulos de Letras de Cal e os seus poemas aparecen en varias antoloxías da denominada Xeración dos 90. Coa novela Orixe (2004) gañou o premio Blanco Amor e cos relatos de Made in Galiza (2009) o premio Ánxel Casal. A súa última publicación é o libro divulgativo O povo improvisador. Aventuras sobre poesia oral, unha aproximación á enerxía da oralidade poética para transformar o mundo. A súa obra, traducida a distintas linguas –êuscaro, catalán, curdo, turco ou ruso–, foi adaptada para o audiovisual, o teatro, a música ou para diferentes manifestacións da arte pop, desde camisolas e roupa infantil até tatuaxes, frascos de compota ou graffittis.