Chan da Pólvora celebra o aniversario da súa primeira publicación este 28 de xuño, a partir das 19 horas, na Horta das Chas, o espazo eco-poético da editora. Breogán Xague, autor de Todos os lonxes, será o encargado de facer o recital de aniversario e, como cada 28 de xuño, tamén se porá á venda un novo libro da colección Rabo de Égua de poesía lgtbio+. Trátase nesta ocasión de Arqueoloxías de amor para a cidade nova, de Francisco Salinas Portugal, ao que Chan da Pólvora lle dedica o Día do Orgullo galego.
Aínda que o proxecto comunal de Chan da Pólvora nace en xullo de 2015, o primeiro título da editorial non aparece ata o 28 de xuño de 2016, uns meses despois de inaugurarse a libraría. O volume inaugural foi Querido Eduardo e nel recollíanse as cartas de Ramón Suárez Picallo a Eduardo Blanco Amor. Con Querido Eduardo nacían tamén a colección Rabo de Egua e o Día do Orgullo Galego, denominación que une a efeméride do plebiscito do primeiro Estato de Autonomía de Galicia coas reivindicación dos colectivo lgtbi+.
Un ano máis, a editora celebra a efeméride un 28 de xuño e, como nas últimas edicións, faino cunha festa poética desde as 19 horas na Horta das Chas [Corredoira das Fraguas 37, soto], espazo que supón, desde a súa inauguración en xuño de 2020, a apertura en Compostela dun ámbito privado de grande interese e singularidade. É un predio de seiscentos metros cadrados que forma parte dunha área de autocultivos entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Leis, Clavixo e Fraguas. A denominación de Horta das Chás recolle a disposición en socalcos deste predio, onde tamén se asenta unha das institucións máis activas do barrio de San Pedro, a asociación A Xuntanza. A Horta das Chas é a sede de Chan da Pólvora Editora e a súa aposta espefísica de eco-poesía para Compostela.
Tamén, como cada ano, a festa na Horta das Chas é o momento no que se desabilla o Viño do Pereco, un cuvé familiar elaborado con cepas centenarias das viñas que traballa O Pereco nunha ladeira orientada ao sur da parroquia de Caneda.
Breogán Xague e Todos os lonxes
Na festa deste ano, o encargado do recital de aniversario será Breogán Xague, autor de Todos os lonxes, o libro co que Chan da Pólvora iniciou neste mesmo mes de xuño a súa temporada. T odos os lonxes funciona como unha caste de diario dalguén con 21 anos que marcha ao estranxeiro. A partir dese arrinque, o autor –un artista que transita polos ámbitos da instalación, a museística ou o hip-hop– actualiza o concepto da emigración galega na economía global do século XXI e ofrécenos unha obra escintilante como o fulgor do xeo sobre o que camiña en Suecia. Xague comeza a escribir os poemas cando sabe que marchará a Suecia e coa sensación de que permanecerá alí varios anos. Mentres fala de marchar pero tamén de querer adaptarse, o libro vaise adentrando nos terreo do descoñecido e nós, as lectoras e os lectores, asistimos ao seu devir para entender –e integrar nunha biografía– a nova realidade que o acolle. As súas tentativas, os rodeos e as estratexias tecen unha riquísima superficie de reflexións e estímulos emocionais que converten a lectura de T odos os lonxes nun dos debuts máis brillantes da poesía galega última.
Breogán Xague (Vigo, 1999) é un artista, músico e poeta galego que acaba de graduarse no Mestrado en Arte Libre da Royal Institute of Art de Estocolmo. Vive entre Vigo e Suecia desde o 2020. Neste tempo puido amosar a súa obra en dúas exposición individuais, unha na Galleri Mejan e outra na Galleri ID:I, ademais de varias colectivas no Centro de Arte Mint ou na Real Academia Sueca das Artes, entre outros. Ao mesmo tempo consolidou a práctica artística en Galicia, con recoñecementos como o premio a Novos Talentos Luso-Galaicos da Fundación Eixo Atlántico, o Xaime Illa Couto de poesía ou o terceiro premio Auditorio de Galicia para artistas noveis 2023. No ámbito da música, mantén a súa actividade a través de A Regueifa Plataforma 2.0 e do selo CrystalmineZine. Tamén participou na sexta edición do Festival Internacional Intersección da Coruña e, neste 2024, foi seleccionado para as estancias artísticas CICAGallery da UdC. O seu último disco X ague2 (https://breogan.bandcamp.com/album/ xa
‘Arqueoloxías de amor para a cidade nova’ de Salinas Portugal
Francisco Salinas Portugal, integrante dos célebres colectivos Alén e De amor e desamor, escribiu a primeiros dos anos oitenta Arqueoloxías de amor para a cidade nova, un libro que por diversas causas [pero sobre todo pola súa temática] quedou agachado nunha gabeta. Corenta anos despois, Chan da Pólvora rescátao na colección Rabo de Égua –a única de poesía lgtbi+ do estado– para dedicarlle ao autor o Día do Orgullo Galego de 2024.
Arqueoloxías de amor para a cidade nova é un libro que penetra na maquinaria do tempo e nos devolve directamente á axitación da chamada “década marabillosa” dos oitenta, cando aínda se sentía a represión do franquismo na carne pero tamén o impulso gozoso de deixar atrás a escuridade. É por eses anos, entre 1981 e 1982, que Francisco Salinas Portugal se traslada a París e comeza a elaborar estes versos de sonoridade voluptuosa, afastados das claves sociais pero claramente enfrontados á orde moral da ditadura.
O pansexualismo, tan vinculado á corrente contracultural que se vivía na época, permítelle ao autor tracexar o debuxo paixonal do corpo, adentrarse na vertixe contraditoria do desexo e describir unha impetuosa pulsión homoerótica. O libro estivo a punto de publicarse en varias ocasións pero sempre acabou arrombado nun estoxo. Corenta anos despois, recuperámolo en Chan da Pólvora como se fose o prodixio dun cofre que garda dentro –intacto mesmo na grafía– un tempo onde medo e pracer conviven na casa.
Francisco Salinas Portugal (Güín, Bande, 1955) é unha das figuras máis esvaradías da poesía galega dos anos setenta e oitenta, na que participou como membro activo dos colectivos Alén e De Amor e Desamor. Discípulo de Carvalho Calero e experto nas literaturas de lingua portuguesa, Salinas Portugal publicou os poemarios Os habitantes da culpa (1988) e Boca de Cobra (2012), ademais de múltiples traballos ensaísticos, en especial sobre cuestións literarias da África lusófona, ámbito tamén da súa tese de doutoramento. Durante anos exerceu de profesor na Universidade da Coruña.