A emoción revivida de Antom Fortes e a voz mordida de Paula Luís foron o fío condutor que o pasado sábado puxo en marcha o programa estival da Horta das Chás, o novo espazo de Chan da Pólvora Editora. No acto, que tiña un aforo máximo para cincuenta persoas, presentáronse os libros dest*s autor*s, Figuras masculinas de meio-corpo e Dendrita, respectivamente, que inician a temporada do selo cunha aposta decidida polas liñas máis ousadas da creación. Xosé María Álvarez Cáccamo presento Figuras masculinas e Estíbaliz Espinosa Dendrita. A intervención de Espinosa incluiu unha evocadora interpretación da aria Ombra mai fu, a célebre composición de Haendel, nun momento de grande intensidade, cos asistentes megullados na vexetación da horta. O deseñador Manolo Martínez e Antón Lopo, director editorial do Chan, fixeron tamén unha pequena memoria dos catro anos de historia do selo –xurdido en 2016– así como do proceso de construción das Chás, un predio de seiscentos metros cadrados dun predio de seiscentos metros cadrados na Corredoira da Fraguas.
As Chás forma parte dun ámbito comunal de cultivos entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Pablo Leis, Clavixo e Fraguas. A denominación de Horta das Chás recolle a disposición en socalcos deste predio, onde tamén se asenta unha das institucións máis activas do barrio de San Pedro, a asociación A Xuntanza. A vocación editorial, con todo, parece unha corrente submersa na memoria do lugar, xa que aquí existíu durante anos unha imprenta, chamada Sanper, que subsiste coas súas sílabas inversas, Persan, no Polígono do Tambre. Varias planchas de zinc da antiga imprenta apareceron soterradas no proceso de recuperación do predio e agora exhíbense nunha intervencións artísticas de Tala.
O conxunto de hortas desta mazá conforma unha paisaxe practicamente descoñecida na cidade, con hortas de autobastecemento. Nelas medrou, ademais, un ecosistema urbano de riqueza ecolóxica, con abondosas colonias de paxaros e aves, ademais dunha ampla variadade vexetal, que inclúe árbores exóticas como a palmeira, o aguacate, o magnolio ou o cidro, pero tamén froiteiras, castiñeiros, carballos, sabugueiros, camelios, loureiros, hortensias ou celindas. O novo espazo de Chan da Pólvora Editora fai a súa particular achega ao conxunto coa incorporación do érbedo, a xesta, o toxo, o pé de boi, as dedaleiras, o yingo biloba, o sangucacu ou a feixoa. Nesta mazá desenvolve tamén a súa experiencia artística o ferreiro Alberto Leis, creador dun persoal campo de figuras e tecidos ao último da rúa que leva precisamente o nome do seu pai.