Despois duns meses de parón, a trinca de Antóm Fortes, Genaro da Silva e Luís López Alonso volve ás librarías para ofrecer os seus poemas nun dos recitais máis singulares aos que se pode asistir actualmente en Galicia. Con este acto, os poetas vinculados ao grupo lucense das Lupercais preséntanlle ao público os seus poemarios Trânsito, Gacela e Salífero, publicados por Chan da Pólvora na colección Sentulo. O sábado día 30 de novembro estarán na libraría Escolma do Carballiño (será a partir das 12,30 do mediodía) e o 18 de decembro desembarcan na Casa do Taberneiro, en Santiago de Compostela, cun recital que comezará ás oito da tarde.
Son tres poetas en estado de plenitude. Tres poetas amigos e unidos polo colectivo das Lupercais de Lugo. Tres poetas que exploran novas latitudes, cada un nunha dimensión singular, sexa coa ironía escéptica de Genaro da Silva, a nostáxica mirada de Antom Fortes ou a conceptualización radical de Luís López Alonso. Chan da Pólvora une os seus destinos publicando a un tempo, e dentro da colección Sentulo, os seus traballos, que se engaden ao volume colectivo das Lupercais aparecido o pasado ano. Os tres títulos que conforman esta entrega son Trânsito de Fortes, Gacela de Da Silva e a reedición de Salífero de López Alonso, que aparece coas fotos de Rafael Mallo, realizadas para o orixinal pero ata agora inéditas.
Dentro dunha xira que comezou a primeiros do pasado verán, os poetras chegan este sábado 30 de novembro, a partir das 12,30 do mediodía, á libraría Escolma do Carballiño. Posteriormente, estarán na Casa do Taberneiro, en Santiago de Compostela, o día 18 de decembro, a partir das 20.00 h.