Publicado o

A xenialidade e o humor de Clo Plas inauguran na noite do 24 de xullo os recitais da Horta das Chas

A Horta das Chas, o espazo alternativo para a poesía creado por Chan da Pólvora, inaugura o seu programa de actuacións o próximo domingo 24 de xullo co recital de Clo Plas [pronunciado 😲👏 https://cloplas.bandcamp.com/track/clo-plas], proxecto performativo impulsado pola poeta Xiana Arias e polo explorador de sons Berio Molina. Trátase, sen dúbida, dunha das propostas máis radicais e excitantes da creación interdisciplinar galega da temporada, apegada segundo eles mesmos subliñan á oralidade da Fonsagrada. O seu primeiro traballo, titulado Bafi e publicado este mesmo ano ao abeiro da Regueifa Plataforma 2.0, amosa unha liña de esculca que se move entre a xenialidade, o humor e a turbacion lírica.

O recital, que comeza ás oito da tarde, permite achegarse ao universo do grupo e con eles celebraremos en Chan da Pólvora Editora o Día da Patria Galega. Clo Plas inicia, deste xeito, na Horta das Chas [Corredoira das Fraguas 37, soto] un ciclo que se prolongará ata primeiros de outubro. Nel participarán, entre outr*s, Afonso Traficante, Isolda Santiago, Ana Romaní+Chus Silva, Emma Couceiro,  os poetas das Lupercais de Lugo, Alicia Fernández e Eduard Velasco, Rafa Lobelle, Lorena Souto ou Miro Villar.

A Horta das Chas, con máis de 600 metros cadrados, supuxo a apertura á cidade dun ámbito privado de grande singularidade, formado por unha serie de espazos de cultivo entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Leis, Clavixo e Fraguas. A denominación de Horta das Chas recolle a disposición en socalcos deste predio, onde tamén se asenta unha das institucións máis activas do barrio de San Pedro, a asociación A Xuntanza.