Este luns, once de abril, falecía o poeta Arcadio López Casanova (Lugo, 1942-Valencia, 2022), unha das voces máis aprezadas da denominada xeración dos “novísimos”. En Chan da Pólvora, onde publicou o seu derradeiro poemario, A canción da Noite que levas no corazón, lamentamos a perda do poeta e do amigo, que colaborou tamén na edición dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca preparada por Luís Cochón e Manuel González. En decembro de 2020, precisamente, López Casanova publicou no apartado Chanzo da web unha nova achega ao xénero, Panxoliña da neve de luz, un fermoso texto que conserva íntegro o alento das panxoliñas tradicionais.
A canción da Noite que levas no corazón, publicado na colección Malaca de fóra cunha coda do propio Luís Cochón, é unha das achegas máis orixinais de López Casanova, que nesta plaquette elaboraba unha “crestomatía moi escolleita de cantigas de amor e de amigo, de refrán e mesmo de mestría”, subliñaba Cochón.