Publicado o

Alexandre Nerium presenta ‘Aquén do mar’, unha antoloxía das mulleres que escribieron de Fisterra

Alexandre Nerium, un dos axitadores culturais máis aprezados da Costa da Morte desde os seus anos de militancia no Batallón Literario, presenta este sábado once de novembro a súa última obra, a antoloxía Aquén do mar, subtitulado Cantos de serea na luz da Fin da Terra, resultado de varios anos de traballos para recoller e, nalgúns casos, verter ao galego a extensa produción de poemas que teñen Fisterra como motivo. O volume aparece na colección Cova da lontra de Chan da Pólvora e reúne oitenta poemas de mulleres que escribieron sobre “a fin da terra”, ademais de varias ilustracións realizadas co mesmo tema por distintas artistas. 

A presentación, que se desenvolverá a partir das 19 horas no Salón de Actos do Concello de Fiestera, contará coa participación de X. H. Rivadulla Corcón, Eva Veiga, Rosalía Fernández Rial, Viki Rivadulla, Pilar Pallarés, Margarita Ledo Andión, Antón Lopo, Alexandre Nerium e Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra, ademais da violinista Antía Ameixeiras 

Ademais de ser un punto estratéxico para a humanidade Fisterra é o son dun sentimento, o final do Camiño de Santiago, a cuncha de vieira; o orto e o solpor, naufraxio, precipicio, a Polar dun mar descoñecido, o rumbo verdadeiro, un símbolo de igualdade e de diversidade, a voz e o silencio, a mística sonoridade da buguina, da luz o escintileo. Aquén do mar é un percorrido polas voces que chegaron a ese límite e, ao tempo, unha homenaxe á muller, a muller pesca, aquela do traballo silenciado, e a da muller da escrita, farol que dende sempre guía o mundo.