“Os beizos cosidos é a figura da imposibilidade de dicir, mais tamén a do castigo e a da censura, o que non debe ser dito. O acto de radical rebeldía é tensar o fío, abrir os labios, sabendo que ese tirar da carne producirá unha dor extrema e se cadra no propio acto inscríbese o fracaso ao que está destinado, e aínda así aí está a urxencia da voz”. Estas palabras de Ana Romaní están extraídas da entrevista que esta fin de semana (13 de febreiro de 2021) publicou Sermos Galiza, o suplemento semanal de Nós Diario, sobre a aparición de A desvértebra, o último libro da autora, que editou Chan da Pólvora. Na entrevista, realizada por Montse Dopico, Romaní tamén fala de xornalismo cultural, que “agás resistentes excepcións, desaparece silenciosamente entre tanto altofalante”, subliña.