Publicado o

Ana Romaní presenta en Compostela a súa antoloxía ‘Basálticas’, editada por Batiscafo

Basáticas, a antoloxía de Ana Romaní que acaba de publicar o selo Batiscafo , preséntase o próximo xoves 25 de abril en Compostela (libraría Lila de Lilith) nun acto que comezará ás sete da tarde e no que, ademais da autora, participará Helena González, encargada da edición e da tradución dos poemas. Trátase do terceiro libro de Batiscafo, “editorial de inmersión” que xurdiu para potenciar a tradución dos poetas que escriben en galego e crear unha liña de incidencia nos ámbitos de lectura en castelán. Antes de Basálticas chegaron ás librarías españolas os Seis poemas galegos de Lorca e O mundo dos vivos de Samuel Solleiro.

Falar de Ana Romaní é falar dunha poeta fundamental na literatura galega contemporánea, autora dunha serie de libros que reorientaron a forma de abordar o poema e a propia escritura poética, dándolle unha perspectiva allea a calquera canon. O selo Basticafo, especializado na difusión da poesía galega fóra de Galicia, elaborou deste xeito a primeira antoloxía que chega ás librarías de Romaní, tanto en galego como en castelán.

Estamos ante unha desas obras que nos revelan unha poeta, no seu caso pouco coñecida ata agora fóra do ámbito galego, a pesar de ter recibido o Premio Nacional de Xornalismo Cultural ou figurar, dende hai anos, entre as voces protagonistas do panorama poético de Galicia. Agora, Basálticas salva distancias lingüísticas e xeográficas para ofrecernos unha obra ardente, de intensidade irredutible, que nos acariña co seu enxeño antes de exhalar unha lucidez que nos sacude.

Ana Romaní rexeita as etiquetas como método para conservarse no compromiso, inasumible para o desánimo aínda que os seus versos son froito da procura dun momento no que o poema irrompe e ilumine. O volume, con traducción e edición de Helena González, ofrécenos unha lectura inédita e extraordinaria da proposta persoal e política de Ana Romaní, un percorrido onde a súa traxectoria brilla dende a paisaxe con figuras dos seus primeiros poemas ata a disolución nos contextos poshumanos da materia. 

Ana Romaní (Noia, 1962) converteuse nun referente da poesía galega actual con libros como Arden (1998), Love me tender. 24 pezas mínimas para unha caixa de música (2005), Estremas (2010) ou A desvértebra (2020). Tamén é unha figura fundamental do xornalismo cultural desde que en 1990 comezou a dirixir o Diario Cultural, un programa de radio que mereceu o seu recoñecemento unánime, como o Premio Nacional de Xornalismo Cultural do ano 2018. Activista, pensadora feminista, arquitecta de proxectos híbridos de expresión como o Laboratorio de Indagacións Poéticas (LIPo) e brillante poeta oral en títulos como Estalactitas (2002), Catro poetas suicidas. Intervención poética contra unha levidade (2002) ou Unha voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos (2003). É autora de numerosos ensaios, entre eles Resonancia táctil. A derrota do veleiro esplendoroso, as voces flotantes e os cantos de baleas (2019).

Helena González, pola súa banda, é profesora de estudos galegos e portugueses e investigadora no centro de investigación ADHUC-Teoria, Gènere, Sexualitat da Universidade de Barcelona. Especialista en literatura contemporánea, publicou diversas antoloxías poéticas e numerosos estudos sobre escritoras galegas, como Ana Romaní, Chus Pato, Xohana Torres ou Rosalía de Castro. Traduciu ao galego Capital de la doleur/Capital da dor de Paul Éluard (con Laurence Brault) e Mil cretinos de Quim Monzó. Coordina con Mariám Mariño a histórica hemeroteca A Saia. Publicacións feministas galegas e LGTBIQ+.