
Love me tender [24 pezas mínimas para unha caixa de música e cilindro] é o título do último libro de Ana Romaní, unha actualización do volume publicado en 2005 que agora se nutre con 24 poemas novos e unha Danza insurrecta, onde aparece un único poema visual. O volume preséntase na libraría Pedreira de Compostela ás oito da tarde o mércores 19 de novembro, nun mes que, precisamente, está dedicado á eliminación da violencia patriarcal. O acto, con espazo sonoro de Chus Silva, contará con María Xesús Nogueira, autora que participa nas “Contornas” do libro.
Ana Romaní, unha das autoras de referencia na poesía galega contemporánea, publicou en 2005 Love me tender [24 pezas mínimas para unha caixa de música], proposta que estivo acompañada dunha serie de intervencións escénicas onde unha caixa de música era o eixo da acción. Agora, vinte anos despois, recupera aqueles textos e engádelle un Cilindro cunha Danza insurrecta. para crear Love me tender [24 pezas mínimas para unha caixa de música e cilindro], un poderoso alegato contra o maltrato. Chan da Pólvora reedita o libro na colección Cova da lontra nun novo formato, con 25 novos textos e contornas onde María Xesús Nogueira, Anxo Quintela e María do Cebreiro esculcan algunhas das claves da obra.
Que pasaría se abrísemos a caixa de música que reproduce unha e outra vez a mesma melodía e tirásemos dalgunha das minúsculas pezas que encaixan exactas no mecanismo para que unha e outra vez soe esa canción? Que pasaría se estrala- se esa sésega milimétrica en relevo ou se desgastase o vértice e a súa mínima aparencia roma fixese esvarar o cilindro e con el a engrenaxe? Que pasa cando a canción esconde unha maquinaria e a maquinaria unha orde e a orde incardínase en amosegas e marcas no corpo que roda? Que pasa se a canción devasta? Sobre estas preguntas, Ana Romaní construíu Love me tender. 24 pezas mínimas para unha caixa de música, un libro publicado hai vinte anos que agora regresa, expandido en 24 novas composicións, cunha redimensión implacable do seu eixo. A autora explora a voz dun corpo roto, pregúnta- se pola violencia na que crebou, e escoita no silencio as formas da fuga, a interferencia na que se alza a súa danza insurrecta.
A autora
Ana Romaní (Noia, 1962) é unha das poetas fundamentais da poesía galega das últimas décadas, con libros como Arden (1998), Love me tender. 24 Pezas mínimas para unha caixa de música (2005), Estremas ( 2010) ou a A desvértebra (2020). Tamén é unha referencia no periodismo cultural como directora entre 1990 ew 2018 do Diario Cultural, programa de referencia no medio radiofónico que lle valeu un recoñecemento unánime, como o Premio Nacional de Periodismo Cultural. Activista, pensadora do feminismo, artífice de proxectos híbridos de expresión como o Laboratorio de Indagacións Poéticas (LIPo) e intervencións poéticas como Estalactitas (2002), Catro poetas suici- das. Intervención poética contra a levidade (2002) ou A voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos (2003), é autora de ensaios como Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas (2019). A súa poesía foi antologada por Helena González en Basálticas (2024), editado por Batiscafo -o selo de Chan da Pólvora para traducións- no ano 2024.



