

Andrea Nunes Brións e Miguel Cavadas levarán á Feira do Libro de Monforte de Lemos os seus poemarios Mapa da estría e himno nacional, dous dos títulos de maior repercusión desta temporada na poesía galega. Con este acto, que terá lugar o xoves día 21 a partir das oito da tarde nas carpas da Rúa do Cardeal, Chan da Pólvora renova así o seu compromiso coa feira monfortina, á que asiste desde hai unha década mediante recitais dalgúns dos poetas incluídos no seu catálogo con maior repercusión literaria.
O acto será o xoves día 21, a partir das oito da tarde, e terá o formato mixto dunha presentación e un recital,. Nel, os poemas de Andrea Nunes Brións e Miguel Cavadas resoarán na céntrica rúa do Cardeal, en Monforte de Lemos., coa voz como principal proxección da poesía e co verso como intrumento emocional e de identidade. De feito, tanto Andrea Nunes como Cavadas desenvolven proxectos concorrentes en canto que o seu verso directo propón non só conmover senón tamén mover as conciencias.
En Mapa da estría, Nunes Brións vai máis alá na poesía de autoficción, nutríndose coas experiencias en distintos territorios do mundo, desde a China e a Guiné Bissau, a Vietnam, India, México ou Italia. A autora explora a relación entre a xeografía emocional e a cartografía experiencial. Dá conta das ausencias, as incertezas, a precariedade ou o desafío das múltiples linguas e culturas que sinalan as novas coordenadas onde o amor se diversifica como acto de resistencia. “Ollemos a fenda que dá paso a estría que nos deixará a marca para sempre”, asegura Nunes Brións e con esta frase define a trascedencia dun libro prodixioso, destinado a deixar en nós unha marca indeleble. Estamos ante unha das figuras esenciais da literatura que esculca nas identidades e, ao mesmo tempo, que se axita desafiante na creación de discursos para romper os parámetros do esperable.
himno nacional, pola súa banda, nace da experiencia de Miguel Cavadas no tecido social e laboral dos Estados Unidos. En tensión co “eu” que reclama a súa existencia desde Galicia, aparece un novo “eu” gorecido nunha liberdade enganosa nunha contorna voraz que o capitaliza todo. Trátase, como se observa desde os primeiros versos, dun texto sobre a nova emigración e que evidencia as fallas dun sistema forxado desde a precariedade dunha xeración enteira. Nun mundo globalizado (ou se cadra “americanizado”) que deslocaliza o traballo, Miguel Cavadas ve despuntar axiña o perigo de non estar nin aquí nin alá, no perigo da errancia permanente. “No caso de Galicia”, asegura, “vólvese case unha carga xenética” que el resolve nun diálogo coa emigración previa e tamén coa latinoamericana.
Como compoñer o himno dunha colectividade en tránsito? Como forxar vínculos sólidos nun mundo flutuante? Como confiar aínda no futuro? Estas son algunhas das preguntas que impulsaron a creación de himno nacional e que Cavadas responde cun estilo tan diáfano como implacable. Ao final, vén dicir o autor, o único que queda é o amor como xeito de construír fogar en lugares onde semella que non podería habelo..
Andrea Nunes
Andrea Nunes Brións (Marín, 1984) vinculou desde os seus comezos a actividade poética coa acción feminista. Corrente de esquecemento (2007) foi o seu primeiro libro (editado por Aturuxo, a Federación de Asociacións LGBTQ). En 2001 publicou Todas as mulleres que fun, onde constrúe un contradiscurso antipatriarcal inserido nunha rede de pensamento crítico. Xunto a María Rosendo, escribiu Diáspora do amor balea, premio de poesía erótica Illas Sisargas no 2017. Como ensaista partiocipou na obra colectiva Nós, xs inadaptadxs. Representações, desejos e histórias LGBTIQ na Galiza (2020) e coordinou, con Anxela Lema, os volumes Tecermos redes, crearmos comunidade, Estudos sobe a obra de María Reimondez (2020) e O cento voando. Amores, desexos e non monogamias (2024). O seu último libro é a antoloxía bilingüe galego-castelán Esta disidencia que habitamos.
Miguel Cavadas
Miguel Cavadas (Vigo, 1996) é escritor, guionista e creador escénico. Estudou Filoloxía na USC e despois marchou a Los Ángeles cunha Beca La Caixa para formarse en escrita cinematográfica. Os seus relatos e poemas resultaron gañadores en certames como o Mazarelos e o Díaz Jácome. Coa compañía de creación colectiva Faísca Teatro estreou dúas montaxes premiadas no Xuventude Crea. En Estados Unidos, foi finalista do prestixioso Paramount Writers Mentoring Program e formou parte do equipo da produtora mexicanoamericana Elefantec Global. De volta en Galicia, compaxina a creación literaria coa súa carreira como guionista.



