Antón Reixa levará os poemas de Outlet, un libro publicado por Chan da Pólvora, á Fundación Luís Seoane da Coruña, nun acto que se desenvolverá o mércores nove de xuño a partir das 20 horas. Reixa estará acompañado por Alberto Avendaño, poeta e compañeiro de experiencias no colectivo Rompente, que se mergullará no mundo en perpetua transformación reflictido por Reixa en Outlet, o seu regreso á poesía tras anos de silencio.
Despois dunha paréntese de creación poética e durante a convalecencia dun accidente que case lle costa a vida, Antón Reixa entra nun período intenso de escrita. Dese transo de marcada reflexión, e partir de textos pre-existentes, xurden os poemas de Outlet, un libro que se nutre da racionalización do proceso creativo. O lévedo son distintos materiais pre-existentes ou o exercicio de memorialismo e autoficción que lle serviu para compactar o sobrecolledor Michigan / Acaso Michigan. Crónica de 18 días en coma, onde revelou vertentes ata entón inéditas da sea obra literaria. A heterogeneidad formal e temática de Outlet ten que ver coa procura compulsiva dunha voz propia pero tamén coa incansable exploración dun artista que non renuncia á capacidade de observar o mundo desde os dispositivos do humor e coa complicidade da súa intelixencia.