Publicado o

‘Palmeiras, piueiros’ preséntase en Vila Nova da Cerveira este sábado cinco de marzo

Palmeiras, piueiros, o primeiro libro de poesía que pubica Anxo Angueira logo de quince anos, preséntase o próximo sábado cinco de marzo en Vila Nova da Cerveira (Portugal), nun acto no que participa Maria Alonso Seisdedos e no que o autor recitará varios poemas do libro acompañado á guitarra por Sechu. O acto comezará ás catro da tarde (hora portuguesa) e terá lugar na Associaçao Poética Porta XIII de todas as artes.

Angueira levaba quince anos sen publicar poesía ata a aparición deste libro inesperado, cun título onde conviven o que morre e o que renace, o vexetal e o pétreo, o exótico e o enxebre, o coñecido e o por descubrir. O libro, porén, non rompe só un silencio prolongado senón que ofrece unha perspectiva poética global do autor no seu sensenta aniversario. “Calquera fronteira que poidades imaxinar ou coñecer, calquera cicatriz que en falso fose cosida é rebentada pola forza desta escritura”, asegura Chus Pato respecto dos poemas de Angueira nas achegas das Contornas que pechan o volume, apartado que comparte coa reveladora entrevista de Xabier Cordal e a autopoética do propio poeta.