A palabra e a voz son un principio de pracer en Palmeiras, piueiros, o libro co que Anxo Angueira regresa á poesía tras quince anos de silencio. Porén, non se trata só dun regreso: estamos ante unha visión global sobre o autor que Chan da Pólvora publica no seu sesenta aniversario e no que o acompañan as esculcas reveladoras de Chus Pato e de Xabier Cordal. Este luns, sete de febreiro, preséntase en Braga, como apertura da oitava edición das Convergências Portugal-Galiza, nun acto que contará coa intervención de José Cândido de Oliveira Martins.
O sexto volume da colección Cova da lontra de Chan da Pólvora ten como protagonista a Anxo Angueira, un dos poetas máis singulares da denominada xeración dos oitenta e actual presidente da Fundación Rosalía de Castro. O lanzamento do libro, decisivo xa na traxectoria de Angueira, terá lugar este luns, sete de febreiro, na apertura da oitava edición das Converxências Portugal-Galiza, que acollerá a cidade de Braga ata o día 27.
Angueira levaba quince anos sen publicar poesía ata a aparición deste libro inesperado, cun título onde conviven o que morre e o que renace, o vexetal e o pétreo, o exótico e o enxebre, o coñecido e o por descubrir. O libro, porén, non rompe só un silencio prolongado senón que ofrece unha perspectiva poética global do autor no seu sensenta aniversario. “Calquera fronteira que poidades imaxinar ou coñecer, calquera cicatriz que en falso fose cosida é rebentada pola forza desta escritura”, asegura Chus Pato respecto dos poemas de Angueira nas achegas das Contornas que pechan o volume, apartado que comparte coa reveladora entrevista de Xabier Cordal e a autopoética do propio poeta.
Palmeiras, piureiros nace dun feito determinante: a morte da palmeira de Manselle, que para el simbolizaba un emblema do seu lugar natal e, ao mesmo tempo, unha refexión sobre a idea de rexurdimento na historia cultural da Galicia contemporánea. Nese suceso, desencadeouse o impulso creativo e extendenuse en múltiples dirección, nun proceso desbordante que atinxe tanto á intensidade formal como á profundidade das emocións. Máis que nunca, neste libro de Angueira, a palabra e a voz son un principio de pracer.
Anxo Angueira (Manselle, Dodro, 1961) constrúe desde finais dos anos oitenta unha das obras máis persoais da poesía galega. A súa proposta, enxertada na intensidade do avío popular e relanzada no ámbito axitador, deixou pegadas indelebles en libros como Val de Ramirás (1989), O valo de Manselle (1996), Libro da Vertixe (1997) e Fóra do sagrado (2007). Desde finais dos noventa, internouse no cúltivo da narrativa, onde conseguiu unha grande acollida, tanto da crítica como dos lectores. Pensa nao (1999) ou Iria (2012) son algúns dos seus títulos máis celebrados. De entre os ensaios e investigacións como profesor da Universidade de Vigo, cómpre destacar A espiral no espello (2009). Das copras de Sarmiento aos cantares de Rosalía de Castro (2013), Rexurdimento: a palabra e a idea (2019) e a edición crítica da poesía de Rosalía de Castro. Foi membro fundador das Redes Escarlata (2001) e desde xuño de 2012 preside a Fundación Rosalía de Castro.