Os premios Follas Novas, que organizan os gremios de editores, libreiros e a asociación de escritores, xa ten finalistas e entre eles figura Así fala Penélope, a antoloxía de xenero elaborada por Marta Dacosta para a colección Sentulo de Chan da Pólvora Editora. O volume, que vai pola súa segunda edición, aparece incluído no apartado de Iniciativas Bibliográficas.
A proposta de Marta Dacosta é un apaixonado percorrido a través da escrita contemporánea das mulleres galegas. Trátase dun proxecto inédito: unha antoloxía de xénero onde os nomes e as cronoloxías trenzan un realto comunal con poemas que nos descobren como elas, con frecuencia, recoseron as palabras usadas para facelas lucir dun xeito distinto ou como, as máis das veces, optaron polas teas novbas. O resultado é unha selección que visualiza autoras, reivindica a literatura e lle ofrece á rapazada unha esixente panorámica da poesía desde finais do século XX ata hoxe.
Ademais da escolma, no libro inclúese un código QR mediante o que é posible ampliar a nómina de escritoras seleccionadas e atopar unha variada achega de materiais, entre eles unha unidade didáctica que se converteu nunha ferramenta moi utilizada nos centros de ensino.