Publicado o

‘Así fala Penélope’ de Marta Dacosta chega a Compostela da man de Lupe Gómez, Marga do Val, Caramés Corgal e Pilar García Rego

Así fala Penélope, a persoal lectura de Marta Dacosta sobre a poesía escrita por mulleres en Galicia, chega a Compostela. Este noves, 16 de marzo, a partir das 19,30 horas, Dacosta presentará o libro na Libraría Lila de Lilith coa presenta de catro das escritoras antologadas; Lupe Gómez, Marga do Val, Mari Carmen Carates Gorgal e Pilar García Rego. O acto estará introducido por Antón Lopo, director editorial de Chan da Pólvora, selo que publicou o volume.

Que as poetas galegas foron rompendo moldes e abrindo sucos nun universo antes case masculino en exclusiva é unha obviedade. Que nas últimas décadas se converteron, ademais, nun acontecemento internacional tamén resulta unha realidade incontestable. Para achegarnos ao fenómeno, Chan da Pólvora publica Así fala Penélope, un traballo de Marta Dacosta dirixido a todo tipo de lectoras e lectores –pero especialmente a rapazada– que nos dá unha perspectiva única e contextualizada de máis de corenta poetas, desde Xohana Torres e María Xosé Queizán a Olga Novo ou Paula Luís.

A proposta, o número 8 da colección Sentulo, é un apaixonado percorrido que Dacosta propón a través da escrita contemporánea das mulleres galegas. Trátase dun proxecto inédito: unha antoloxía de xénero onde os nomes e as cronoloxías trenzan un realto comunal con poemas que nos descobren como elas, con frecuencia, recoseron as palabras usadas para facelas lucir dun xeito distinto ou como, as máis das veces, optaron polas teas novbas. O resultado é unha selección que visualiza autoras, reivindica a literatura e lle ofrece á rapazada unha esixente panorámica da poesía desde finais do século XX ata hoxe.