A escrita das mulleres, á que Chan da Pólvora lle prestou sempre unha atención especial, é a protagonista dos últimos lanzamentos da editora, que estes días achega ás librarías dous volumes de grande impacto: Así fala Penélope, de Marta Dacosta, a primeira antoloxía de xénero da poesía galega recente, e a reedición actualizada de Os teus dedos na miña braga con regra, o libro de Lupe Gómez máis provocador e polémico, censurado incluso cando apareceu no ano 1999. Estes dous títulos permítennos achegarnos, desde unha perspectiva histórica e novidosa, ao fenómeno hoxe indiscutible da poesía galega escrita por mulleres.
Que as poetas galegas foron rompendo moldes e abrindo sucos nun universo antes case masculino en exclusiva é unha obviedade. Que nas últimas décadas se converteron, ademais, nun acontecemento internacional tamén resulta unha realidade incontestable. Para achegarnos ao fenómeno, Chan da Pólvora publica Así fala Penélope, un traballo de Marta Dacosta dirixido a todo tipo de lectoras e lectores –pero especialmente a rapazada– que nos dá unha perspectiva única e contextualizada de máis de corenta poetas, desde Xohana Torres e María Xosé Queizán a Olga Novo ou Paula Luís.
A proposta é un apaixonado percorrido que Dacosta propón a través da escrita contemporánea das mulñeres galegas. Trátase dun proxecto inédito: unha antoloxía de xénero onde os nomes e as cronoloxías trenzan un realto comunal con poemas que nos descobren como elas, con frecuencia, recoseron as palabras usadas para facelas lucir dun xeito distinto ou como, as máis das veces, optaron polas teas novbas. O resultado é unha selección que visualiza autoras, reivindica a literatura e lle ofrece á rapazada unha esixente panorámica da poesía desde finais do século XX ata hoxe.
Marta Dacosta (Vigo, 1966) publicou o seu primeiro libro en 1994, aínda que xa desde os anos oitenta comezou a aparecer en distintas publicacións. Escribiu un libro de viaxes do Baixo Miño e investigou sobre a sintaxe do galego medieval e sobre a obra literaria de Ferrín, Manuel María, Victoriano Taibo, María Victoria Moreno ou Xela Arias. Actualmente, mantén a columna de opiniñon Filla de Medea no xornal Nós diario. Entre os seus últimos libros, figuran Dun lago escuro (2014), Na casa da avoa (2017), Labirinto ou memoria (2018) ou Notas sobre a extinción (2021).