
Dendrita, de Paula Luís, un dos últimos títulos publicados por Chan da Pólvora Editora, deslumbra a crítica e faino cuns textos que, sen dúbida, colocan á autora entre as poéticas máis audaces da poesía galega última. O crítico e poeta Román Raña foi un dos lectores que quedou impactado. E así o transmite nunha crítica publicada no suplemento Faro das Culturas de Faro de Vigo,
O seu texto é unha achega magnífica ao libro de Paula Luís, convertido xa desde a sua publicación nun auténtico título de culto:
Teño diante niña un libro excepcional e verde. Dendrita, de Paula Luís (Vigo, 1981). Lembremos que dendrita (do galego, déndron, “arbore”) son finas proxeccións ramificadas que saen das neuronas e actúan como condutoras dos impulsos electroquímicos. O título desvéndanos que a autora vai adentrarse e adentrarnos nos meandros, abismos, voltas e reviravoltas da mente humana, explorando o seu ser e o seu non-ser, desde o seu contradictorio albedrío, desde a confusa soberanía do pensar. Sempre, desde a conmovedora lucidez da súa franqueza: “O poema non será máis que un campo de centeo / a falarnos. A semente cae. Non pensa na caída”.
Todo o poemario está inzado destas fulguracións verbais que nos sobrecollen: “reconciliar a pel coa lama / no tránsito a un mesmo. / Compartir coas plantas e coa choiva. / Compartila coas bestas”. Especialmente clarividentes cando expresa o desdobramento do eu que se observa a si mesmo desde o lonxe, desde o o “outro”, como nestes versos: “A distancia que me separa do aire que desexo respirar, quen controla os meus soños?”. Que se acaba tornando máis explícito: “En que parte de min existo? / Na man no cranio no cóbado? / Na cólera?”.






Álbum da cuarta dimensión, o novo libro de Carlos Lema, está a converterse nun dos grandes éxitos de crítica deste 2020. En medio da desorientación creada pola pandemia, esta obra de máxima esixencia conceptual recibe unha entusiasta acollida. Armando Requeixo, Ramón Rozas, Roman Raña, Inma Otero ou Mario Regueira son *s autor*s dalgunhas das críticas aparecidas ao longo das últimas semanas, todas elas cunha valoración excepcional. Se Ramón Rozas subliña que “palabras como as propostas por Carlos Lema son un bálsamo, unha redención dese valor primixenio dende o que recoñercernos e incluso dende o que e explorar novas dimensións do que somos”, Inma Otero escribe: “Este Álbum da cuarta dimensión soa. Non só polo traballo artesanal cos fonemas e os ritmos en cada un dos textos. Toda a obra é unha composición musical en tres movementos, os tres apartados do libro.

