Publicado o

Autumn Equinox na Horta das Chas, o espazo ‘espefísico’ para a poesía de Chan da Pólvora

A Horta das Chas, o espazo espefísico para a poesía que impulsa Chan da Pólvora Editora, celebra desde o mércores 21 de setembro, e ata o sábado 24, o seu Autumn Equinox, unha serie de recitais que permitirán achegarse ás propostas de Cesáreo Sánchez Iglesias, Rafa Lobelle, Alicia Fernández+Eduard Velasco e Ana Romaní+Chus Silva. O programa forma parte do ciclo de recitais das Chas, que se iniciou o 24 de xullo con Clo Plas e que conclúe –tras escoitar en agosto os poemas de Emma Couceiro, Afonso Traficante e Miro Villar–, coa intervención a próxima semana de Lorena Souto (29 de setembro) e o Grupo das Lupercais (30 de setembro).

Neste equinoccio de outono coinciden na Horta das Chas unha serie de voces de marcada personalidade coas que despediremos en Compostela o verán. A semana pasada estaban previstos os recitais de Rafa Lobelle e Ana Romaní+Chus Silva, pero unha serie de circunstancias obrigou a adialos e este azar permite agora articular un programa de catro días onde coñecer as propostas de distintas xeracións, non só cronolóxicas senón tamén estéticas.  Como xa é habitual neste programa, cada participante recibirá de agasallo (ademais da vontade dos asistentes) a colleita que ese día haxa na horta: froita, hortalizas, legumes, herbas aromáticas ou flores.

Cesáreo Sánchez Iglesias / Mércores 21 de setembro. 19,30 horas

Cesáreo Sánchez (O Irixo, 1951) é o encargado de abrir a semana cun recital o mércores 21 de setembro que comezará ás 19,30 e que tamén lle servirá, en certo modo, para presentar o seu último libro, A árbore que dá as lágrimas de Shiva (2022). En palabras do crítico Ramón Nicolás, tratase dunha obra de “ollada limpa e honesta, afastada de clixés e estereotipos”. “Na espuma do espello, hijra, a esquecida: / encárnome no terceiro sexo. Home e muller / reivindiqueime no ser da muller. Moldei o ser/ non o corpo para ser ela. Cantamos mentres/ eramos abenzoadas e faciamos ofrendas. Muller/ dou voltas arredor da árbore sagrada. Non, non/ era eu a muller impura porque non menstruaba”, escribiu Sánchez Iglesias nun impactante poema do volume, editado polo selo que dirixe Fran Alonso.

Rafa Lobelle / Xoves 22 de setembro. 19 horas

Rafa Lobelle (Viana, Chantada, 1988) é un dos poetas máis turbadores dos que publicaron en Galicia nos últimos anos e a aparición de Cotodamina en 2019, unha das plaquettes con maior repercusión das incluídas na colección Malaca de fóra de Chan da Pólvora, marcou unha indubitable inflexión na súa obra. Para a Horta das Chas preparou unha viaxe polas súas propias xeografías, entre a “desfeita do topos”, subliña, “e as resistencias do antropos”. Convoará os ecos que resoan nas paisaxes para ver “se abrimos un rego novo no que sementar”.

O recital de Rafa Lobelle, autor tamén de títulos como Andar ás apóutegas e Física elemental, terá lugar a partir das 19 horas.

Alicia Fernández+Eduard Velasco / Venres 23 de setembro. 19 horas

Alicia Fernández (Escairón, 1987) e Eduard Velasco (Barcelona, 1982) conforman desde hai anos unha das parellas máis activas do panorama literario galego, ao tempo que son a representación das pontes culturais que houbo sempre entre Galicia e Cataluña. Na Horta das Chas recitarán poemas sobre o ciclo do desexo e a maternidade e levarán nun tupper a placenta da súa filla Carme. “A placenta”, subliñan, “é o único órgano temporal: nace, medra e morre. Mide uns 25 centímetros de diámetro e pesa máis ou menos medio quilo”. Nalgunhas culturas, entérrase onda unha árbore e eles, que non saben a que cultura pertenecen, farán coa placenta unha intervención plástica. “Xa se verá”, engaden, “se efémera ou non”. A sua intervención será ás 19 horas no Almacén da Horta das Chas.

Ana Romaní+Chus Silva / Sábado 24 de setembro. 19 horas

Ana Romaní (Noia 1962) é desde hai anos unha voz fundamental da poesía galega pero tamén unha das activistas culturais máis admiradas. Na confluencia de ambas vertentes, móvese a súa proposta con Chus Silva, esculcador de sons co que traballa conxuntamente. Ambos tiran o material poético de A desvértebra, o último libro da poeta, e constrúen un artefacto poético onde o azar é tan esencial como a sabedoría destes dous artistas da palabra.

O seu recital terá lugar, a partir das 19 horas, no Almacén da Horta, un espazo que se incorporou recentemente ás actividades de Chan da Pólvora e que permitirá manter as Chas como o lugar específico para a poesía en Compostela durante o inverno. O almacén inaugurouse o pasado oito de setembro cun recital de Miro Villar.

A Horta das Chas

A Horta das Chas supuxo na súa inauguración, en xuño de 2020, a apertura á cidade dun ámbito privado de grande interese e singularidade. Trátase dun predio de seiscentos metros cadrados [situado na Corredoira da Fraguas,] que forma parte dun ámbito comunal de cultivos entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Leis, Clavixo e Fraguas. A denominación de Horta das Chás recolle a disposición en socalcos deste predio, onde tamén se asenta unha das institucións máis activas do barrio de San Pedro, a asociación A Xuntanza.

A Horta das Chas é a sede de Chan da Pólvora Editora e a súa aposta espefísica de poesía para Compostela.