Publicado o

‘Barrancos’ e ‘Protocolos’, as dúas novas audiografías de Romaní e Silva

Ana Romaní e Chus Silva ofrecen dúas novas audiografías de A desvértebra, o último libro de Romaní, publicado por Chan da Pólvora. Barrancos e Procotocolos son os dous novos títulos desta experimentación coas xeografías e a voz que poderás ir descubrindo na web da editorial a través do Laboratorio de Indagacións Poéticas (LIPo).

O proxecto consiste en trasladar a voz da poeta ao exterior e integrala nun corpo sonoro. Para a realización de cada peza, gravaron primeiro en estudio os poemas. Logo, reproducíronos por un altofalante en diferentes localizacións e rexistraron de novo o audio mediante unha imaxe. Como resultado, os poemas non só se suman ao espazo, senón que forman parte del: transfórmano e ao tempo transfórmanse.

As preguntas que expón o proxecto [ideado para o uso de auriculares] son realmente inquietantes: Quen escoita a quen? O espazo ao poema ? O poema ás voces que o cruzan? A voz ao lugar? Escoita quen mira? Ana Romaní e Chus Silva rompen as lindes da escrita, da voz e da xeografía para crear unha dimensión comunal única.