Bilioteca de Mesopotamia


Reconstruír unha paisaxe literaria sobre a xeografía da Ribeira Sacra. Ese é o obxectivo da Biblioteca de Mesopotamia, un proxecto editorial impulsado por Chan da Pólvora Editora co apoio de distintas administracións que crea un horizonte común a partir da confluencia fluvial do Miño e do Sil. Trátase dun territorio marcado polo magma do románico e a explosión dunha natureza indomable na que se conforma unha auténtica Mesopotamia galega, tanto pola súa morfoloxía como polo carácter fundacional da súa orografía: aquí, en Campodola [concello de Quiroga], sitúase a primeira montaña do país que emerxeu dos sedimentos océanicos e en Valverde [concello de Monforte de Lemos] atopamos as primeiras pegadas de cultura humana das que se teñen noticia en Galicia. En palabras do xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, esta rexión silomiñota, á sombra dos neveiros da Meda e da Serra de O Courel, é “o que queda da primeira Galicia formada fai 350 millóns de anos”.
De maneira ordenada e coherente, presentamos un acervo literario de máxima esixencia, relacionado estreitamente coa unidade xeográfica na que se enmarca. Na biblioteca reúnense xineas creativas de indubidable interese, toda vez que nesta Mesopotamia encontraron inspiración escritores de procedencia universal: desde os míticos trobeiros galegoportugueses do medievo ata Cervantes, desde Uxío Novoneyra ata Góngora ou desde Ánxel Fole ata Blanco Amor e Vicente Risco. Neste sentido, os propósitos da colección son varios, xa que se pretende atinxir as vertentes culturais, sociais e populares: o perfil das terras que se ven desde calquera dos concellos que participan no proxecto terá para os membros da comunidade compartida, a partir de agora, un nome propio asociado a unha literatura.

Candidatura a Patrimonio da Humanidade

A iniciativa concíbese como unha achega á candidatura da Ribeira Sacra para lograr o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade, meta na que se involucran varios axentes e administracións. Ao poder incontestable da arte, do viño, da paisaxe humanizada e da recente declaración do Camiño de Inverno como vía recoñecida de acceso a Santiago, súmase agora a Literatura, gravada ao territorio con letras douradas. En calquera caso, a biblioteca tenta dar valor a unha placenta xeográfica única onde podemos seguir a historia da nosa civilización desde o remoto Homo heidelbergensis aos primeiros sapiens, pasando polo misterioso neanderthal. O caso é verdadeiramente insólito no noso país. Os xacementos paleolíticos de Monforte, as mámoas do Saviñao, os neveiros do monte Meda en Parada do Sil, os petróglifos de Sober, a mina da Toca no Courel, a aldea medieval de Parada dos Montes, o Burgo de Castro Caldelas, o románico en mármore do Incio, as reliquias italianas das Clarisas, as Bernardas de Pantón, o renacemento, o barroco, neoclásico, modernismo, unha arquitectura industrial prodixiosa, a audacia contemporánea de Volmente…


Os eidos, un título fundamental da poesía galega

A edición da Biblioteca de Mesopotamia de Os eidos de Uxío Novoneira é, sen debida, a máis completa publicada nunca sobre este título fundamental da poesía galega do século XX. As características do volume converten esta edición en excepcional por varias razóns, entre as máis subliñables a inclusión dun dicionario novoneyriano, titulado As cores do ucedo e realizado por Emilio Araúxo. Como resultado de máis de quince anos de entrevistas e conversas co escritor, Araúxo saca nese texto á luz cuestións ata agora inéditas sobre a xénese do libro e os estados emocionais nos que Novoneyra vivían nos anos en que o escribiu. Ademais, o volume inclúe unha introdución de Olga Novo, unha das grandes especialistas na obra do escritor courelao, e un conxunto de caligramas relativos ao poemario.

Os Eidos converteuse, xa desde a súa publicación en 1955, nun dos títulos fundamentais da poesía galega do século XX e o paso do tempo non fixo máis que afianzar esa posición indiscutible entre a crítica e entre os lectores. Considerado o inicio dunha corrente que diluía o persoal en favor do común, o libro naceu durante a convalecencia de Novoneyra por unha grave pleuresía, entre 1952 e 1954. Nesa convalecencia –aseguraba o poeta– a súa mirada abriuse a unha percepción directa das cousas, dos seres e da terra, o cal lle permitiu concibir a propia terra como unha forma onde se escribe algo que se nos segue a dicir, sen interrupción. O gran misterio de Os Eidos é o de poñernos en contacto cunha memoria profunda.