
A Ulloa celebra neste mes de xullo a publicación de Días de bestaxe, o debut na poesía dun dos activistas máis carismáticos das últimas décadas en Galicia, Braulio Vilariño, autor dun poemario que percorre as tres últimas décadas do século XX. Incluído na colección Punta de estripeiral de Chan da Pólvora, Días de bestaxe irrompe no panorama actual cunha proposta onde a palabra se converte en alustro de revelación lisérxica. Unha experiencia de poderosa biografía colectiva que conta coas contornas de Daniel Salgado. “Os poemas de Braulio V.”, escribe Salgado, “encarnan a histoira da última ética beat, a da procura de utopías mínimas: a lisérxica, as illas, deixade en paz o noso río”.
Dias de bestaxe é a representación gráfica da voz interior de Braulio Vilariño, unha figura clave no activismo galego recente. Estamos ante un collage de poderosas imaxes que percorren as tres últimas décadas do século XX desde a perspectiva da revelación, pero tamén ante a crónica dunha xeración que desexaba mudar o mundo e que espertou nun atroz pesadelo poscapitalista. Os textos que agora aparecen en Chan da Pólvora son o resultado de máis de trinta anos dunha escrita que o seu autor nunca se atreveu a publicar malia ser poeta de nacemento. Encontrámonos coa vertente máis oculta da súa vida, a máis inaccesible, a que ninguén descubrira ata ler estas páxinas.
Braulio Vilariño
Braulio Vilariño naceu no ano 1957 en Vilaxoán, unha aldea do Concello de Palas de Rei que considera a Arcadia da súa infancia. Foi o noveno e derradeiro fillo de Antonio e Carolina, labregos caseiros. Boa parte da súa biografía está unida ao periplo emigrante das súas irmás, principalmente París e Bilbao, onde viviu entre os oito e os dez anos. Aos once marcha a Vigo. Permanece alí ata que, despois da mili, se establece en Compostela para se poñer á fronte do Modus Vivendi, unha institución na vida nocturna da cidade. Rexentouno ata o ano 2000, alternando con outras actividades como a de galerista en Minotauro. Desde entón, desenvolveu distintos traballos en Palas ou en Compostela. Foi un dos impulsores do Agrocuir, do Instituto de Estudos Ulloás, así como un activista en defensa dos valores ecolóxicos. Actualmente –asegura– “son un xubilado ou un reformado, como din en Portugal, ou un aposentado, como din no Brasil. Coido, sacho, viaxo, sigo en loita, colleito, e gozo da vida, da amizade e da saúde que me queda”.



