Camuflaxe de Lupe Gómez vai camiño de converterse nunha das obras referenciais da poesía galega contemporánea. Publicada por Chan da Pólvora Editora no ano 2017 e recoñecida co galardón da Crítica Española ese mesmo ano, Camuflaxe foi elixida agora finalista do premio Best Traslade Book Award, os prestixiosos BTBA que cada ano concede a revista literaria Three Percent da Universidade de Rochester. Erin Moure, unha conexión clave entre a literatura galega e o ámbito anglosaxón, encargouse de realizar a tradución, editada por Circumference Books de Nova York. Camuflaxe está a ter desde a súa publicación unha gran repercusión, tanto de crítica como de lectoras e de lectores. En castelán apareceu baixo o selo de Papeles Mínimos, con tradución de Antón Lopo, e actualmente prepara a súa tradución ao vasco Jon Kortazar.
Os BTBA convócanse anualmente e recoñecen a tradución dun libro de poesía e doutro de ficción. A dotación económica é de dez mil euros, que se reparten a tradutora e mais a autora. Entre as poetas que o recibiron, figuran as portuguesas Angélica Freitas e Hilda Hilst.