Publicado o

Carlos Amado presenta ‘Monte aberto’ o mércores 27 de maio na Didac de Compostela

A Fundación Didac de Santiago de Compostela (Rúa Pérez Constanti 12) acollerá o vindeiro mércores de 27 de maio a presentación de Monte aberto, o libro co que Carlos Amado regresa á poesía tras máis de dúas décadas de afastamento. O acto, que terá lugar a partir das 19 horas, contará coa presenza de Anxos Sumai , encargada de indagar nas claves deste libro conmovedor e brillante.

“O amor debe entrar no monte / ata o lugar máis remoto da palabra”, escribe Carlos Amado nun dos poemas de Monte aberto, o novo título co que Chan da Pólvora redimensiona a colección Rabo de Egua. Os seus poemas teñen unha epiderme delicada e un corazón que latexa impetuoso como unha manda de animais salvaxes.

O título fai referencia a un espazo comunal, un lugar sen propiedade onde os corpos se entregan libremente ao coñecemento. A natureza abrolla en cada verso e o poema respira como un bosque silencioso, pleno, lúdico e feliz. Carlos Amado volve entregarnos a súa intensidade e faino cunha evocación inesquecible sobre o amor, o desexo e a poesía.

Carlos Amado

Carlos Amado (Vilariño, O Hío, 1968) deuse a coñecer como poeta nos anos noventa, cando publica títulos como O redello que tece a terra, que o colocaron entre as voces máis singulares do momento. Nesa época, publica tamén reseñas culturais e ensaios de historiografía músical na Revista das Letras. Fundou a plataforma Musicadora, centrada na cultura dixital e na música de síntese. Coordenou e redactou o volume Selectronic.gal (2011), que sistematizou o corpus da produción musical electrónica en Galicia. Entre 2018 e 2025 comprometeuse na programación de eventos no emblemático espazo do Aturuxo, en Bueu. Actualmente, exerce de taberneiro no Rapeta, no seu O Hío natal.