Publicado o

Catro libros de Nieves Neira, Romaní, Constantino Bértolo e Nuria Vilán para pasar o verán

Non imos quedar de brazos cruzados. Iso é o que opinan en Chan da Pólvora sobre a situación de crise na creación editorial, marcada pola inflación desbocada e o encarecemento do papel. Fronte a ese desafío, o selo xurdido hai seis anos para abrir tránsitos inéditos na poesía galega actual propón relanzar a súa colección Sentulo de libros de man, que se iniciara coa antoloxía de Dentes para a mazá. Os novos títulos manteñen a vertente de entón, caracterizada pola esmerada selección de textos, un prezo excepcional de doce euros e o coidado material que fai dos volumes do selo un obxecto tamén de disfrute táctil e visual.

Sentulo non só funcionará como paraugas que, dalgunha maneira, prolonga a vida dos títulos esgotados con maior demanda de lector*s, senón que tamén presenta obras específicas, concibidas para esta colección de gardas negras, cuberta en Flora noce e unha foto a gran tamaño das autoras e autores, peculiaridade que, de feito, foi xa sinal de identidade en Dentes para a mazá.

Coa vontade de converterse nunha referencia de lectura este verán, Sentulo achega ás librarías Neve de agosto, o primeiro poemario de Nieves Neira Roca; Simún, de Nuria Vilán Prado; O gran poema, de Constantino Bértolo e A desvértebra, de Ana Romaní. Sen dúbida, atopámonos ante un dos lanzamentos editoriais máis esixentes dos últimos anos.

‘Neve de agosto’ de Nieves Neira Roca

Aínda que levemos anos asistinto á emerxencia de Nieves Neira como poeta prodixiosa na dimensión oral, Neve de agosto é o seu primeiro libro. Nel conflúen escritas de distintas liñas temporais e unha serie de ramificacións que esculcan as voces ocultas do mundo. O título alude á tradición cristiá das nevaradas fóra de tempo, fenómeno milagreiro que sinalaba o lugar onde debía construírse un santuario. Desprovisto aquí da dimensión relixiosa, Neve de agosto fala do estraño que habita o poema pero tamén da perigosa seducción do extraordinario. Aborda a cuestión de esperar o inesperado e non caer na negación do mundo, de asumir a desilusión do horizonte e non negar a emoción e o movemento. Os poemas oscilan, precipítanse e son recipientes de respostas que nos conducen, finalmente, a un espazo onde aínda non existimos.

Nieves Neira Roca (Lugo, 1983) publica desde hai anos textos poéticos e críticos en distintos medios pero, sobre todo, é recoñecida polo seu traballo periodístico. Como autora, deuse a coñecer con O feitizo de Maruja Roca, un asombroso libro sobre a súa tía avoa, unha fotógrafa do Becerreá da posguerra. Actualmente escribe unha tese sobre Uxío Novoneyra, poeta de referencia familiar e vital co que está profundamente vencellada. De feito, é unha das máis estreitas colaboradoras da Fundación que coida o legado do escritor no Courel.

‘Simún’ de Nuria Vilán Prado

En dous meses Simún, de Nuria Vilán Prado, non só esgotou a sua edición senón que que acadou –con velocidade vertixinosa– o rango de libro culto. “neste lugar / hai unha certa violencia na forma de articular a palabra / verdade”, escribe a autora nesta sorprendente estrea literaria. Simún non só lle serve para indagar na poesía desde distintos ángulos, senón que lle permiten facer un exercicio de coherencia entre a oralidade da súa orixe e as posibilidades da escrita. Poucas veces se dá un debut tan excepcional. Os seus versos, construídos co mesmo vento abrasador que lle dá título ao libro, móvense entre o imprevisible e o cataclismo, entre o atrevemento e a loita cotra unha mesma como índice de xenialidade. Fermoso, intenso e fascinante.

Nuria Vilán Prado (Santo André de Comesaña, Vigo, 1993) forma parte do proxecto de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro canda Vanessa Glemsel. Traballa como creadora de contidos na canle Coidado coa cadela e xestiona tamén un perfil na plataforma de mecenado Patreon. Mantén unha colaboración coa marca de roupa ourensá Salsa Gaucha, que traballa pezas textiles a partir de poemas e versos. Formouse en estudos relacionados con lingua e a literatura nas universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

‘O gran poema’ de Constantino Bértolo

A primeira impresión que xurde ao abrir O gran poema de Tino de Féliz é que estamos ante un libro concibido como un monte ou como un río. Un libro que sae das tripas da terra para romper a pedra e abrir o aire. Ao abeiro de Tino de Féliz está Constantino Bértolo, o home que nas décadas mediadas entre o seu alcume infantil e este poemario se converteu nun dos críticos e editores con máis prestixio de Europa.

No ano 2011, Bértolo asomouse uns minutos ao outro lado da morte e cando regresou tiña o corpo ateigado de saudades e nostalxias. Volveu a mirada cara ás súas orixes e reencontrouse con Tino de Féliz, o rapaz que el fora, e co galego engastado á lingua. Aí comeza a escribir O gran poema. A tectónica básica foi a terra movéndose baixo os seus pés e a sensación de amor extraviado, de formar ou querer formar parte do destino que o río Navia metaforiza como río que nos leva e río que nos trae. A necesidade de crear e salvar ese mundo e o tempo perdido. De volver ao ser, ese río Ser que aflúe ao Navia e o fai medrar. Habería que falar por tanto –asegura o autor– de tectónica e de canle, de erosión e de permanencia. El, como lector que contempla con reserva os versos do diálogo coas intimidades, sempre arelaba a poesía “escrita” en voz alta e, de súpeto, o corpo, a voz e a presenza da morte fixérono sentir claramente que o son desa voz alta só era posible en galego. O gran poema pode lerse como respiración dun resucitado ou como un epitafio, “a única forma aceptable de autoficción”, ao seu xuízo. Estamos ante un libro portentoso, ante un acto de vontade política, de toma de partido, de recuperación do idioma como cerna comunal. Un gran poema como regreso e como inocencia, como forma laica do crer.

Tino de Féliz (nome comunal de Constantino Bértolo), naceu en Navia de Suarna en 1946. Aos nove anos marchou con a sua familia a Madrid onde estudou Filoloxía Hispánica. Durante anos exerceu como crítico literario en diversos medios de prensa. Foi director da editorial Debate entre 1991e 2003, e da editorial Caballo de Troya desde o 2000 ata a súa xubilación no 2014. La cena de los notables, sobre lectura y crítica (2008), Lenin, el revolucionario que no sabía demasiado (2012) e Llamando a las puertas de la revolución. T extos de Karl Marx (2017) son algunhas das súas últimas publicacións. Os seus primeiros poemas datan dos anos sesenta e algúns apareceron na lendaria Antología de la joven poesía española de 1966. Un deses poemas foi musicalizado por Agua Viva. Tamén é autor dunha plaquette de poesía en castelán, En Resumen (2008). 

‘A desvértebra’ de Ana Romaní

Ana Romani levaba unha década sen publicar un poemario pero a espera pagou a pena porque A desvértebra, o volume que agora pon Chan da Pólvora nas librerías, supón un xiro revelador na súa obra e descubre novas vertentes e expresións dunha poeta que xa é, en por si, unha das voces máis admiradas da poesía galega contemporánea.

A desvértebra é un territorio literario, xeográfico e político que Ana Romaní cartografía co rigoroso instrumental do poema, convertido aquí na substancia dun corpo común, social, inmobilizado, pero tamén nun exercicio liberador de ironía e irreverencia paródica. Na desvértebra todo semella estar a caer e nese abismo conflúen tempos e espazos. Os seus exhaustos organismos, sometidos ao escrutinio, ao control, á disección, á disciplina, aos mecanismos diarios da vixilancia, explotación e espolio, parecen subsistir nos ámbitos sitiados por unha autoridade que se arma nos discursos, con estratexias despregadas no emocional, no intelectual e no físico. E aínda na crueldade táctica disciplinaria e nos espazos cotiáns onde se manifesta tentacular ese dominio, Ana Romaní fai emerxer orografías imprevistas, outras formas da materia vibrante, acaso a vida.

Ana Romaní (Noia, 1962) é unha das voces fundamentais da poesía galega das útimas décadas, con libros como Arden (1998), Love me tender. 24 Pezas mínimas para unha caixa de música (2005) ou Estremas ( 2010). Tamén é unha figura fundamental do periodismo cultural des que en 1990 comezou a dirixir o Diario Cultural, programa de referencia no medio radiofónico que lle valeu un recoñecemento unánime, como o Premio Nacional de Periodismo Cultural do ano 2018. Activista, pensadora do feminismo, artífice de proxectos híbridos de expresión como o Laboratorio de indagacións Poéticas (LIPo) ou de ensaios como Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas (2019).

 

Publicado o

‘A desvértebra’ de Ana Romaní entra no CGAC da man da artista australiana Narelle Jubelin

A desvértebra, o libro de Ana Romaní que publicou Chan da Pólvora e agora acaba de ser reeditado na colección Sentulo, entra no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) da man de Narelle Jubelin, artista australiana (Sidney, 1960) que inaugura este venres a súa mostra Nalgures.  A exposición, segundo subliña a súa curadora, Natalia Porcela, “sitúanos nunha indeterminación que está por definir, no interior dunhas xeografías fragmentarias: lugares, vestixios, modos de ocupación”.

Jubelin chegou aos versos de A desvértebra despois de analizar unha serie de contextos vinculados á cultura galega. Dalgún xeito, na palabra de Ana Romaní (e na figura de Begoña Caamaño glosada en A desvértebra) atopou unha forte conexión e decidiu facer unha intervención caligráfica na cristaleira do CGAC a partir do poemario (momento que recolle a fotografía deste artigo). Cada pano da enorme cristaleira é entendida por Jubelín como unha páxina.

Continúe lendo ‘A desvértebra’ de Ana Romaní entra no CGAC da man da artista australiana Narelle Jubelin

Publicado o

Catro autor*s de grande impacto para ‘Sentulo’, a colección de libros de man de Chan da Pólvora

Chan da Pólvora  enfróntase á inflación e ao encarecemento do papel cunha aposta radical: o relanzamento da súa colección de libros de man Sentulo. Estes días, precisamente, chegan ás librarías os catro títulos que definen a aposta, caracterizada pola selección de textos –algúns deles inéditos–, o prezo excepcional de doce euros e o coidado material que fai tamén dos volumes da editora un obxecto de disfrute táctil e visual. O catálogo inclúe títulos como Simún de Nuria Vil –un dos acontecementos poéticos dos últimos meses–, A desvértebra de Ana Romaní –aclamada tanto pola crítica como polo público– ou O gran poema, poderosa epopea coa que Constantino Bértolo recuperou o galego para a súa obra. Canda eles, descubriremos Neve de agosto, o primeiro libro de Nieves Neira Roca, chamado a ser un dos títulos favoritos da afección neste verán.

Publicado o

Silvia García presenta este sábado na libraría Wells de Cangas o seu libro ‘nenas medrando’

Silvia García regresa este sábado día 28 de maio a Cangas para presentar nenas medrando, o libro que Chan da Pólvora publicou na súa colección Areal de Melide, dedicada a proxectos poéticos de materiais híbridos. O acto, que  contará coa presenza de Xaime Toxo —escritor e presidente do Ateneo de Pontevedra—.terá lugar a partir das doce do mediodía na emblemática libraría Wells de Cangas, a vila na que a autora naceu en 1973. nenas medrando xurde dunha colección de fotos de nenas de distintas épocas que a autora foi recollendo durante narios anos. O resultado é un volume escintilante e delicioso.

En 2009, Silvia García iniciou na Biblioteca do CGAC o proxecto Os silencios de Alicia. Unha década despois retoma algúns dos elementos deste proxecto e redimensiónaos cunha serie de poemas onde a súa voz se funde coa memoria allea para construír un libro arredor da conciencia do corpo, das sensacións, dos procesos de maduración e, mesmo, dos recordos que aparecen cando asistimos como nais ao crecemento dunha nena. Silvia García comezou a coleccionar fotografías anónimas adquiridas en mercadiños e a través de internet

Sobre esa base, intentou buscar un fío que lle permitise albiscar a pose e a maneira na que as mulleres e as nenas aparecen nas fotografías: como miraban a cámara e como traslucían se estaban cómodas ou non. Aí comezou a súa curiosidade polo silencio, polo que cada nena cala, a súa incomodidade pero tamén o seu acomodo a unha realidade que lle ven dada.

O crítico Armando Requeixo caracteriza o volume pola presenza do corpo “como territorio radical, a complexidade dos procesos de maduración e as lembranzas das primeiras andainas vitais conforman os vértices nos que asenta a poética indagadora desta obra de Silvia García, que nos desafía a un outro ollar, a descubrir o envés da realidade nas epifanías fotográficas destas nenas medrando”.

Publicado o

Inma López Silva adéntrase con ‘Clepsidras’ nos misteriosos lazos que nos unen

Clepsidras é o título do primeiro poemario de Inma López Silva, unha escritora que desenvolveu unha brillante carreira como narradora e que agora se adentra, por vez primeira, na poesía. Trátase dun libro apaixonante, tanto pola súa escrita como pola ousadía literaria da autora, que experimeta coa voz e cos recordos. Clepsidras, último Premio Eusebio Lorenzo Baleiron, preséntase este martes 17, Día das Letras Galegas, en Dodro, nun acto que terá lugar no CPI Lorenzo Baleirón ás 17,30 coa participación de Su Garrido.

Continúe lendo Inma López Silva adéntrase con ‘Clepsidras’ nos misteriosos lazos que nos unen