
A poesía galega xa ten un libro concibido para crear estratexias contra a marxinación e o acoso escolar. O libro publícao Chan da Pólvora na súa colección Udra co título nós outras e aparece nunha sorprendente edición marcada polo brillo sonoro dos versos de Marica Campo e a explosión cromatica nas imaxes que realiza Menchu Lamas. Non é moi frecuente, no ámbito da poesía, que se publiquen materiais destinados a nenas e nenos cunha orientación específica cara á diversidade. De feito, este libro de Marica Campo e Menchu Lamas está destinado a converterse nun referente editorial dentro das estratexias para combater fenómenos de convivencia entre os escolares que están a provocar grande precupación nas aulas. As ilustracións de Lamas, marcadas pola súa enerxía simbólica arredor da man aberta como signo aglutinador, danlle ao libro unha grande forza, estreitamente vinculada ao brillo sonoro dos versos de Marica Campo, unha das máis admiradas escritoras de poesía infantil en Galicia.

nós outras, de Marica Campo e Menchu Lamas, entrou en imprenta. Trátase do novo título da colección Udra de poesía para nenas e menos, que nesta a súa segunda entrega aposta por un libro de cores e de valores. nós outras plasma o encontro de dúas creadoras que traballan desde distint as latitudes expresivas pero que desenvolveron posturas concorrentes de rebeldía e intensidade emocional. Nese encontro, as mans están abertas para ofrecer territorios comunais, ámbitos de intercambio, paisaxes que retratan a beleza e a complexidade de cada persoa. nós outras trata de afianzar nos nenos e nas nenas a idea de que non hai desculpas para a marxinación ou o acoso escolar. A raza, a condición social, as características físicas ou mentais, os xeitos de amar ou a procedencia xeográfica son a forza que nos une, un patrimonio compartido. Ao cabo, nós outras propón unha viaxe extraordinaria e fermosísima pola diversidade do mundo e a igualdade do ser humano. A primeiros de novembro o libro estará xa dispoñible na tenda desta web e nas vosas librarías de referencia.





