
Chega ás librarías un novo título de Areal de Melide, a colección na que Chan da Pólvora Editora publica obras de raíces híbridas, intersección de linguaxes e propostas de fusión. Despois de títulos como Ultramarino de Jesús Castro, Sardiña de Miriam Reyes e Ad inferos de Mónica Sánchez, o catálogo amplíase con nenas medrando, onde conflúe o traballo expositivo e os poemas de Silvia García sobre unha colección de fotografías de nenas de distintas épocas. O resultado é un volume escintilante na súa sinxeleza e delicioso nas súas escollas.
O libro, que será o eixo este xoves día 15 de outubro da sesión da Selic de Compostela entre as 19 e as 20 horas, será presentado o día 23 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), lugar no que precisamente se puxo en marcha o motor de nenas medrando.
O crítico Armando Requeixo publicou o pasado domingo en Nordesía –o suplemento dos xornais do Grupo La Capital, El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños– unha crítica na que salienta a “suxestiva proposta” de Silvia García, “extensión do valioso traballo que esta canguesa leva anos desenvolvendo no eido das artes plásticas, tanto no seu quefacer no CGAC como, actualmente, sendo docente da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, mais tamén nas landas da poesía, nas que se dera a coñecer hai tempo como autora distinguida nos certames literarios organizados pola Universidade de Vigo”.
Neste sentido, Armando Requeixo caracteriza o volume pola presenza do corpo “como territorio radical, a complexidade dos procesos de maduración e as lembranzas das primeiras andainas vitais conforman os vértices nos que asenta a poética indagadora desta obra de Silvia García, que nos desafía a un outro ollar, a descubrir o envés da realidade nas epifanías fotográficas destas nenas medrando.”
Neste link podes descargar en pdf a crítica completa de Armando Requeixo a nenas medrando de Silvia García.





Álbum da cuarta dimensión, o novo libro de Carlos Lema, está a converterse nun dos grandes éxitos de crítica deste 2020. En medio da desorientación creada pola pandemia, esta obra de máxima esixencia conceptual recibe unha entusiasta acollida. Armando Requeixo, Ramón Rozas, Roman Raña, Inma Otero ou Mario Regueira son *s autor*s dalgunhas das críticas aparecidas ao longo das últimas semanas, todas elas cunha valoración excepcional. Se Ramón Rozas subliña que “palabras como as propostas por Carlos Lema son un bálsamo, unha redención dese valor primixenio dende o que recoñercernos e incluso dende o que e explorar novas dimensións do que somos”, Inma Otero escribe: “Este Álbum da cuarta dimensión soa. Non só polo traballo artesanal cos fonemas e os ritmos en cada un dos textos. Toda a obra é unha composición musical en tres movementos, os tres apartados do libro.


