
Tras permanecer máis dunha década inédito, en 1997 publícase Figuras masculinas de meio-corpo, de Antom Fortes, un libro que abre unha singular vía expresiva na poesía galega dos anos noventa. Agora, vinte anos despois da súa publicación, Chan da Pólvora Editora recupera o texto e dedícalle o Libro do Orgullo Galego 2020, celebración que une a homenaxe ao Estatuto de Autonomía de 1936 e a loita polos dereitos da comunidade LGTBI+, efemérides ambas que coinciden no 28 de xuño. Ese día, precisamente, a editora compre catro anos de actividade e para celebralo presenta o libro de Fortes na Horta das Chás, en Compostela, nun acto no que participa Xosé María Álvarez Cáccamo e no que tamén se presenta Dendrita de Paula Luís, con introdución de Estíbaliz Espinosa.
Continúe lendo ‘Figuras masculinas de meio-corpo’, de Antom Fortes, Libro do Orgullo Galego 2020






Durante o proceso editorial de Beleza, verdade, a antoloxía de Ricardo Carvalho Calero que publicamos en Chan da Pólvora, a súa autora, Pilar Palláres, dixo que a poesía de don Richi [como chama ela ao seu outrora profesor] non era o resultado dunha inquietude intelectual senón o efecto da envolvencia da súa posición emocional. Trátase dunha poesía na que a verdade e a beleza coexisten, loitan e afírmanse, dinámica á que non é alleo a apaixonante perfil dun home múltiplo e contraditorio, cunha visión da existencia fundamentalmente relativista. Pilar Pallarés volve a mirada sobre esa poesía e coa súa escolma descóbrenos ámbitos que permanecían case inéditos, como a vertente política, o turbador xogo de máscaras e os paradoxos dunha traxectoria que percorre o século XX coa forza da liberdade. Hoxe, 17 de maio de 2020, é o seu día por fin: o día de don Richi.

