López-Casanova renova a traza da lírica popular en ‘A canción da noite que levas no corazón’


Despois dun longo silencio, Arcadio López-Casanova recupera o seu alento poético por partida dobre, con Diario da Casa Grande e coa espléndida plaqueta A canción da Noite que levas no corazón, publicada por Chan da Pólvora dentro da colección Malaca de fóra. Os poemas, que se abren como unha das achegas máis orixinais na poesía de Arcadio López-Casanova,  contan cunha coda de Luís Cochón que esculca as raíces formais e de significados que o poeta de Lugo debroca no seu novo título. Continúe lendo López-Casanova renova a traza da lírica popular en ‘A canción da noite que levas no corazón’

As feridas da sociedade contemporánea en ‘Ese tépedo vento que pasa sobre o mundo’

Ese tépedo vento que pasa sobre o mundo permitiulle a Carlos Penela gañar por segunda vez o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, que no 2000 obtivera con Acaso inverno ao tempo que confirmou a súa traxectoria como unha das voces de maior recoñecemento entre os xurados galegos. Agora, en Ese tépedo vento que pasa sobre o mundo proponnos revisitar os lugares, feridas e liñas de fuga que caracterizaron a súa produción anterior, ofrecendo ao tempo un mapa interior da súa escrita actual. O poema condénsanse pero tamén se converte nunha paisaxe de maior peso narrativo, cunha linguaxe, marcada pola vontade do rigor e da honestidade, que lle permite sortear a devastación do tempo. O libro proponnos revisitar os lugares, feridas e liñas de fuga que caracterizaron a sea produción anterior, ofrecendo ao tempo un mapa interior da súa escrita actual. Ese tépedo vento que pasa sobre o mundo aparece publicado na colección ELBa [acrónimo de Eusebio Lorenzo Balearón], que comparte Chan da Pólvora Editora co Concello de Dodro.  Unha proposta de descubrir a poesía cando se logra ir máis alá das fronteiras impostas pola linguaxe caduca do presente. Continúe lendo As feridas da sociedade contemporánea en ‘Ese tépedo vento que pasa sobre o mundo’

‘Tempo fósil’, o sensacional regreso de Pilar Pallarés que lle deu o Premio Nacional de Poesía

Tras case dez anos de silencio, Pilar Pallarés regresa á poesía e faino cun libro sensacional, Tempo fósil, que lle valeu xa o Premio da Crítica Española e o Premio Nacional de Poesía.  Tempo fósil sacode e emociona a partes iguais, escrito coa contundencia e eficacia dunha das autoras máis admiradas de Galicia. Pallarés comezou a escribir Tempo Fósil a finais de 2011, cando a ampliación do aeroporto de Alvedro levou por diante a casa familiar, que o seu pai construíra coas propias mans. O libro medrou arredor da destrución do lugar, da familia e da imposibilidade de deixar pegadas indelebles. Máis que unha indagación na nostalxia, estamos ante un libro sobre o tempo, obsesión dunha autora que contempla e sente a aniquilación como extinción colectiva. Continúe lendo ‘Tempo fósil’, o sensacional regreso de Pilar Pallarés que lle deu o Premio Nacional de Poesía

O poeta balear Pau Vadell golpea a linguaxe no seu explosivo libro ‘Coas costas dobradas’

Pau Vadell, a voz máis admirada da poesía balear, chega por vez primeira ao galego da man de Chan da Pólvora Editora e con tradución do tamén poeta Gonzalo Hermo. O libro, titulado Coas costas dobradas (Esquenes vinclades), converteuse nunha referencia actual ao conseguir un dos máis prestixiosos galardóns da lingua catalá, o dos Xogos Florais de Barcelona, no ano 2017. Trátase dunha aposta de Chan da Pólvora por un poeta que ensaia novas formas de enfrontarse ao eu e á colectividade, cunha lingua poderosa e un verso aceirado, onde o brillo é tan intenso como a súa contundencia. Coas costas dobradas agroma nos intersticios dunha realidade onde o desexo é o único código de comunicación posible. Escrito con paixón, co sangue a vibrar e a pel estremecida, este libro explora a experiencia dunha Mallorca xentrificada onde, con todo, aínda é posible admirar a beleza dun ceo estrelado en Calonge, o mar batendo contra os cons unha tarde de vento. Vadell foi gañador con este libro do prestixioso premio Jocs Florals de Barcelona en 2017, que o confirmou como un dos nomes imprescindibles da nova poesía en catalá. Continúe lendo O poeta balear Pau Vadell golpea a linguaxe no seu explosivo libro ‘Coas costas dobradas’