Publicado o

Chan da Pólvora celebra o Día do Orgullo Galego co ‘Mapa da estría’ de Andrea Nunes

Coa publicación do Mapa da estría, de Andrea Nunes Brións, Chan da  Pólvora celebra o próximo sábado 28 de xuño  o Día do Orgullo Galego. A editora non só festexa a unha autora referencial senón tamén o aniversario da súa propia fundación. A xornada serve ademais para lembrar a reivindicación dos dereitos lgtbi e a efeméride do primeiro estatuto de autonomía de Galicia. A presentación correrá a cargo de Ana Romaní e comezará ás 19 horas na Horta das Chas. Estará precedida dunha homenaxe a María Salvado López, vinculada á fundación do proxecto editorial e impulsora da horta como espazo eco-poético.

Este ano, Chan da Pólvora celebra o seu aniversario con Mapa de estría, o novo libro dunha das escritoras máis combativas do feminismo e o activismo identitario galego: Andrea Nunes Brións. Como vén sendo habitual nas últimas edicións, a celebración ten lugar na Horta das Chas, o espazo ecopoético creado pola editora en Compostela. A autora estará acompañada de Ana Romaní, que introducirá os asistentes nas claves do libro.

En Mapa de estría, Nunes Brións vai máis alá na poesía de autoficción, nutríndose coas experiencias de Andrea Nunes Brións en distintos territorios do mundo, desde a China e a Guiné Bissau, a Vietnam, India, México ou Italia. A autora explora a relación entre a xeografía emocional e a cartografía experiencial. Dá conta das ausencias, as incertezas, a precariedade ou o desafío das múltiples linguas e culturas que sinalan as novas coordenadas onde o amor se diversifica como acto de resistencia. Ollemos a fenda que dá paso a estría que nos deixará a marca para sempre”, asegura Nunes Brións e con esta frase define a trascedencia dun libro prodixioso, destinado a deixar en nós unha marca indeleble. Estamos ante unha das figuras esenciais da literatura que esculca nas identidades e, ao mesmo tempo, que se axita desafiante na creación de discursos para romper os parámetros do esperable.

Andrea Nunes

Andrea Nunes Brións (Marín, 1984) vinculou desde os seus comezos a actividade poética coa acción feminista. Corrente de esquecemento (2007) foi o seu primeiro libro (editado por Aturuxo, a Federación de Asociacións LGBTQ). En 2001 publicou Todas as mulleres que fun, onde constrúe un contradiscurso antipatriarcal inserido nunha rede de pensamento crítico. Xunto a María Rosendo, escribiu Diáspora do amor balea, premio de poesía erótica Illas Sisargas no 2017.  Como ensaista partiocipou na obra colectiva Nós, xs inadaptadxs. Representações, desejos e histórias LGBTIQ na Galiza (2020) e coordinou, con Anxela Lema, os volumes Tecermos redes, crearmos comunidade, Estudos sobe a obra de María Reimondez (2020) e O cento voando. Amores, desexos e non monogamias (2024). O seu último libro é a antoloxía bilingüe galego-castelán Esta disidencia que habitamos.

Chan da Pólvora: unha década de acción

Chan da Pólvora deuse a coñecer o 28 de xuño de 2016, aínda que o proxecto xurdiu en xullo de 2015 na Illa de Ons. Fiel a esa cita, celebra cada ano o seu aniversario cun acto onde tamén festexa a aprobación no 28 de xuño de 1936 do primeiro estatuto de autonomía e mais o día da reivindicación dos dereitos lgtbi. O selo naceu, de feito, coa presentación do volume Querido Eduardo, que reúne as cartas de Ramón Suárez Picallo a Eduardo Blanco Amor, e desde entón festexa esta xornada como o Día do Orgullo Galego. En edición anteriores, estivo dedicada a García Lorca, Sor Juana Inés de la Cruz, Serafín Ferro, Rimbaud, Safo ou Antón Fortes. Na última edición, o libro Arqueoloxías de amor para a cidade nova de Francisco Salinas, foi o eixo da xornada. Todos estes volumes apareceron na colección Rabo de Egua, a única do estado dedicada á poesía das identidades.

Ademais, desde xuño de 2020, a editora articula a celebración na Horta das Chas, [Corredoira das Fraguas 37, soto], que supuxo a apertura en Compostela dun ámbito privado de grande interese e singularidade. É un predio de seiscentos metros cadrados que forma parte dunha área de autocultivos entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Leis, Clavixo e Fraguas. A denominación de Horta das Chás recolle a disposición en socalcos deste predio, onde tamén se asenta unha das institucións máis activas do barrio de San Pedro, a asociación A Xuntanza. A Horta das Chas é a sede de Chan da Pólvora Editora e a súa aposta espefísica de eco-poesía para Compostela.

Homenaxe a María Salvado

A celebración na Horta das Chas servirá este ano tamén para renderlle homenaxe a unha das persoas fundamentais no impulso e desenvolvemenbto do proxecto editorial e mais da propia Horta das Chas: María Salvado, falecida o pasado mes de novembro. As cinsas desta activista á que, precisamente, dedica Andrea Nunes Brións o colofón do seu libro, están depositadas de feito na horta, ao pé dunha oliveira que se chantou este mesmo mes de xuño.