Publicado o

Tras dez anos, Chan da Pólvora culmina a acción editorial coa subscrición para a temporada 2024/25

Hai case unha década nacía na Illa de Ons o proxecto comunal do que xurdiría Chan da Póvora Editora, un selo que na última década transformou o ámbito da edición poética en Galicia e se converteu nunha referencia do sector. O proxecto global, que ao inicio incluía tamén unha libraría, unha publicación oral ou un espazo artístico, consolidouse só na vertente editora, que agora culmina coa súa derradeira subscrición (temporada 2024/25). Desde o principio da andaina, os responsables de Chan da Pólvora subliñaron que non pretendían perpetuarse no tempo senón desenvolver unha acción editorial reivindicativa do valor da poesía no país, tanto desde o punto de vista creativo e cultural como desde o social ou o económico. Para celebrar esta derradeira temporada, o selo prepara unha serie de sorprendentes lanzamentos, o primeiro dos cales é Todos os lonxes do artista e músico de hip-hop Breogán Xague, que chega agora ás librarías. Francisco Salinas Portugal, Emma Couceiro, José González, Euxenio Montes ou Margarita Ledo son algúns dos nomes que, nas próximas semanas, sairán do prelo para completar o discurso tracexado pola editora nos últimos anos.

En xuño de 2025, cando conclúa a actual subscrición, Chan da Pólvora levará  ás costas máis dun cento de títulos e o catálogo de poesía máis esixente que hai actualmente en Galicia, ademais de incluír coleccións singulares como Rabo de Égoa –a única do estado español especializada en poesía Lgtbi+– ou O Río, centrada na tradución, con libros de Louise Glück, Anne Carson, Andrew McMillan ou John Berger.
Pero, sen dúbida, onde o traballo de Chan da Pólvora resultou máis intenso é no obxectivo de procurar novas voces con novas propostas, na recuperación de poetas demerxidos no esquecemento, nas panorámicas sobre autores consagrados como Méndez Ferrín, Luísa Villata, Carbalho Calero, Xela Arias ou Anxo Angueira ou na elaboración de publicacións que facilitaron a eclosión de poetas como Pilar Pallarés, Lupe Gómez, Ana Romaní, Francisco Cortegoso, Jesús Castro, Paula Luís, Antón Blanco, Genaro da Silva ou Nieves Neira, por mentar só unha presa de autoras e autores vinculados ao selo.
A apertura de físgoas novas para o idioma, cos primeiros poemarios en galego de Miriam Reyes, Constantino Bértolo ou Pablo Fidalgo, conviven en Chan da Pólvora coa poesía dirixida ás crianzas a través da colección Udra, que uniu a poetas como Xosé María Álvarez Cáccamo, Marica Campo e María do Cebreiro con Berta Cáccamo, Menchu Lamas e Antón Lamazares. Entre os fitos máis salientables, o traballo de Luís Cochón e Manolo González que recuperou a versión orixinal e fixo unha edición actualizada dos Seis poemas galegos de Lorca.
As iniciativas en paralelo conforman unha das máis orixinais propostas do proxecto, como o é o selo Batiscafo de traducións ao castelán ou a Biblioteca de Mesopotamia, que recolle a literatura vinculada á rexión da Ribeira Sacra, desdeÁnxel Fole a Uxío Novoneyra, pasando por Emilio Araúxo. Con este mesmo activista, Chan da Pólvora desenvolve a Colección N, onde apareceron obras iniciáticas de forte enraizamento na terra como O lugariño, de Iago González ou A falta dun Edén, a terra, de Mercedes Martínez Modroño.

Unha historia insular

En xullo de 2015, nunha casa familiar do barrio de Chan da Pólvoa, na Illa de Ons, naceu un proxecto de vocación comunal que en poucos meses se convertiu nunha realidade de múltiples dimensións. A primeira idea achegárona Alicia Fernández e Eduard Velasco, que querían crear unha editorial de autopublicación co nome de Lonxicornio e que lle pediron a Antón Lopo que asumise a súa dirección. Foi Lopo quen suxeriu o nome Chan da Pólvora e desbotou a autopublicación para centrarse na reivindicación da edición como acción e da poesía como elemento dinamizador do país, tanto desde o punto de vista creativo e cultural como social ou económico.
Nesa reunión fundacional, estaba tamén María Salvado, a avalista do proxecto. Posteriormente, uníronse Manuel Martínez e Gonzalo Hermo. O grupo ampliouse con Juan de Nieves no espazo artístico Muro DöChán, Iris Cochón e Anxos Sumai, Luísa Iglesias, Alexandre Fernández Peón e Antón Blanco, estes dous últimos coordinadores da editora oral ChanZo. O proxecto, deste xeito, diversificouse en varias unidades autónomas de produción, se ben o eixo foron, en principio, a editorial e unha libraría dirixida por Alicia Fernández e Eduard Velasco na rúa de San Pedro, en Compostela. Do proxecto global, porén, só se consolidaría a editorial, que seguiu funcionando a pesar de pecharse a libraría, dirixida xa na súa última etapa por Quico Valeiras.

Máis de cen subscritores

As subscricións representan o alicerce de Chan da Pólvora e tamén a compaña imprescindible que garante unha difusión a cada título publicado. Son máis de cen persoas, pertencentes a un variado abano de ámbitos, que comparten coa editorial a súa paixón pola poesía e que se entusiasman coa singularidade do proxecto. Algunhas delas son fieis desde a primeira temporada e consideran que, en certo modo, o selo é un espazo de acollida, como unha casa. Por iso, precisamente, serán estas persoas as que protagonicen o último volume do catálogo: unha antoloxía na que cada unha seleccionará un dos poemas editados ao longo dos últimos dez anos.

O equipo editorial

Na actualidade, Chan da Pólvora conta cun equipo formado por Manuel Martínez no deseño, Fran Domínguez na maquetación, Iris Cochón e Anxos Sumai na coordinacion lingüística, Luísa Iglesias na planificación administrativa e Antón Lopo na dirección.