Publicado o

O Día Orgullo Galego (DOG) estará dedicado este 28 de xuño a Arthur Rimbaud

Arthur Rimbaud, o poeta que inventou a poesía moderna, publicou baixo a súa responsabilidade un único libro, Unha temporada no inferno, do que agora se cumpren 150 anos. A peripecia editorial do volume é tan inverosímil como a propia vida do poeta, un home que amou con vehemencia e decidiu renunciar ao seu amante e á poesía ao mesmo tempo. Chan da Pólvora dedícalle agora o seu Día do Orgullo Galego (DOG), unha celebración que une desde hai sete anos o aniversario do plebiscito do primeiro Estato de Autonomía de Galicia coas reivindicación da diversidade. O volume aparecena colección Rabo de Egua, a única do estado español especializada en poesía LGTBI+, onde poden atoparse libros de García Lorca, Blanco Amor. Suárez Picallo, Serafin Ferro, Safo, Brane Mocetic, Pau Vadell ou Sor Juana Inés de la Cruz.

A poesía de Rimbaud sigue resultando inquietante e misteriosa, unha cuestión que encaixa perfectamente no papel deste poeta francés como inventor da poesía moderna en occidente.Cando se cumpren 150 anos de Unha temporada no inferno, o único libro que poeta publicou baixo a súa responsabilidade, Chan da Pólvora Editora dedícalle neste 2023 o Día do Orgullo Galego (DOG), celebración que desde hai sete anos pon en valor a obra de autoras e autores comprometidos coa diversidade, como Safo, Serafín Ferro, Garcia Lorca, Blanco Amor, Suárez Picallo ou Sor Juana Inés de la Cruz.

Con este motivo, o selo achega estes días ás librarías unha antoloxía ttulada Rimbaud [Seis poemas de inferno e adolescencia], que aparece na colección Rabo de Egua, a única que existe no estado especializada en poesía LGTBI+. O director da editora, Antón Lopo, foi o encargado de realizar a tradución e mais a introdución do volume, onde se inclúen os tres textos iniciais de Unha temporada no inferno, un pequeno poema de Iluminacións e dúas composicións dos seus poemas adolescentes, “Venus Anadiomena” e “Sensación”, pertencentes á etapa inicial da súa escrita, mergullada no olimpo parnasiano pero xa perturbadora.

A peripecia editorial

Arthur Rimbaud entregoulle en 1873 a Jacques Poot [un impresor especializado en lexislación da Rue aux Choux de Bruxelas] os orixinais de Unha temporada no inferno [Une saison en enfer]. O poeta tiña dezanove anos e estaba nos estertores da súa apaixonada [e conflitiva] relación con Paul Verlaine, referencia no simbolismo francés. [Verlaine casara con Mathilde Mauté, un auténtico suplicio, el bebía e volvíase violento. O seu fillo, Georges Verlaine, foi vítima da furia paterna e do desapego da nai, que o abandonou en Álxer tras o seu segundo matrimonio. O rapaz vagou varios días desorientado pola cidade e, segundo contaba, sufriu o ataque dun hipnotizador que o sumiu nun profundo desequilibrio psíquico]. 

A nai de Rimbaud [Vitalie Cuif] pagoulle a edición de Unha temporada no inferno, pero Rimbaud gastou os cartos antes de pagar o impresor e o impresor negouse a entregarlle os libros. Ce- deulle só cinco exemplares [dos 500 da tiraxe] a condición de que os usase para conseguir os cartos do pago. Rimbaud nin sequera volveu pola imprenta de Poot. Cos cinco exempares deuse por sa- tisfeito e un [por suposto] deullo a Verlaine. 

Case toda a edición quedou arrombada no soto da Rúe aux Choux. Ata 1901, en que a descobre o avogado Léon Losseau, un espilido bibliófilo. Despois de queimar os volumes comestos pola humidade e os ratos, Losseau fixo unha proveitosa operación comercial. En 1914, cando Rimbaud era xa un mito escintilante da poesía francesa, revelou a súa descuberta. 

Aproximar a poesía á lectura da rapazada

O libro de Chan da Pólvora ten como un dos seus obxectivos servir de introdución á rapazaza na obra dun poeta capital, de xeito que o volume se converte nun útil instrumento de ensino para as novas xeracións no ámbito da literatura, dos afectos e da forma de entender a diversidade.

Proxecto Mourente

Rimbaud [Seis poemas de inferno e adolescencia] preséntase o vindeiro 28 de xuño [mércores] na Horta das Chas, o espazo especializado en poesía que creou hai catro anos Chan da Pólvora na Corredoira das Fraguas, no barrio de San Pedro. Será a partir das 19,30 nunha festa na que actuara Proxecto Mourente, unha figura do tecno galego que musicou varios poemas de poetas de Galicia e que este mesmo anos publicara en Chan da Pólvora o resultado deste traballo na súa colección Areal de Melide.