
Chan da Pólvora proponche que regales poesía e faino con títulos que a crítica especializada xa seleccionou entre os mellores dos publicados o pasado ano. É o caso de Exuvia e saliva, de Lorena Souto, ou Un xesto de tenrura, de Gonzalo Hermo, respectivamente elixidos por El Diario e El País como os libros fundamentais da poesía galega en 2025. Porén, non están sós na proposta da editora, que ten tamén nos andeis dúas novidades imprescindibles: Love me tender, de Ana Romaní e Mapa da estría, de Andrea Nunes.
Este nadal a poesía chegará máis vizosa que nunca aos andeis das librarías e Chan da Pólvora aspira a que regales algúns dos mellores poemarios que se publicaron en galego. Nas novidades recentes, catro libros de grande impacto e poderosa proposta formal escritos por catro autor*s que influenciaron como pouc*s a lírica contemporánea de Galicia
Un xesto de tenrura , de Gonzalo Hermo, foi elixido por El País como o poemario máis importante publicado este ano en galego. Trátase dun libro con brillo de seu na sobriedade da forma, fascinante polas atmosferas e conmovedor na profundidade. É unha viaxe de volta á procura do lugar da voz e tamén o testemuño de que, nese regresar, o poema bate cos primeiros balbuceos, co abraio ante o mundo e coa “tenrura máis fonda de nomealo todo por primeira vez”, asegura Hermo para describir o que é, sen dúbida, o libro onde confirma a poderosa personalidade da sua. Con Un xesto de tenrura, o autor gañou xa o Premio González Garcés da Deputación da Coruña.
Exuvia e saliva, de Lorena Souto, entrou na lista de El Diario entre os dez mellores libros publicados en 2025. Con Exuvia e saliva, apntoáse a enérxica voz de Lorena Souto, unha poeta que desde a os seus primeiros versos, e nomeadamente en Coleópteros, amosou como a palabra pode diseccionar o acto da vida. Da conxunción da exuvia e da saliva xorde unha obra que lle pon palabras aos códigos dunha identidade inserida no rural e atravesada por un un cambio individual e colectivo. A terra, o mundo vexetal e o mundo animal forman parte crucial desa identidade, nunha relación complexa e ambivalente que tamén se transforma.
Ana Romaní, unha das autoras de referencia na poesía galega contemporánea, publicou en 2005 Love me tender [24 pezas mínimas para unha caixa de música], proposta que estivo acompañada dunha serie de intervencións escénicas onde unha caixa de música era o eixo da acción. Agora, vinte anos despois, recupera aqueles textos e engádelle un Cilindro cunha Danza insurrecta. para crear Love me tender [24 pezas mínimas para unha caixa de música e cilindro], un poderoso alegato contra o maltrato. Chan da Pólvora reedita o libro na colección Cova da lontra nun novo formato, con 25 novos textos e contornas onde María Xesús Nogueira, Anxo Quintela e María do Cebreiro esculcan algunhas das claves da obra.
En Mapa da estría, Nunes Brións vai máis alá na poesía de autoficción, nutríndose coas experiencias en distintos territorios do mundo, desde a China e a Guiné Bissau, a Vietnam, India, México ou Italia. A autora explora a relación entre a xeografía emocional e a cartografía experiencial. Dá conta das ausencias, as incertezas, a precariedade ou o desafío das múltiples linguas e culturas que sinalan as novas coordenadas onde o amor se diversifica como acto de resistencia. “Ollemos a fenda que dá paso a estría que nos deixará a marca para sempre”, asegura Nunes Brións e con esta frase define a trascedencia dun libro prodixioso, destinado a deixar en nós unha marca indeleble. Estamos ante unha das figuras esenciais da literatura que esculca nas identidades e, ao mesmo tempo, que se axita desafiante na creación de discursos para romper os parámetros do esperable.



