
En 1920, Vicente Risco publica U… ju… juu, un “poema futurista” que introduce a vangarda na literatura galega. Ao seu fío, aparecen outras propostas que afianzan a liña a través de Manuel Antonio ou Euxenio Montes. Un século despois, Chan da Pólvora revisa un excepcional capítulo da nosa literatura e publica en edicións específicas o U… ju.. juu de Risco, con contornas de Carlos L. Bernárdez e Miro Villar; o manifesto Máis alá de Manuel Antonio e Álvaro Cibreiro, o De catro a catro de Manuel Antonio e a poesía en galego de Montes.
Con U… ju… juu de Vicente Risco, Chan da Pólvora inicia unha serie de publicacións coas que atenta achegarse á crónica das primeiras vangardas galegas. Trátase dun proxecto ambicioso no que os textos orixinais aparecen acompañados por estudos onde distintos especialistas contextualizan ou analizan cada obra. Ademais da aduanada que Risco publica en 1920, inclúese a poesía en galego e os ensaios de Euxenio Montes, nunha reveladora edición de Mario Regueira; o Máis alá de Mauel Antonio e Álvaro Cibreiro con achegas de Arturo Casas, e De catro a catro de Manuel Antonio con contornas de Manuel Castelao Mexuto.
En 1920, Vicente Risco, moi atento naquela época ás últimas tendencias artísticas, publica no xornal “A Nosa Terra” U… ju…juu, o texto fundacional do futurismo na literatura galega. Transcorreran 16 anos des que o catalán Gabriel Alomar utilizase por vez primeira a palabra “futurismo”, once des que Marinetti lanzase o manifesto do movemento e tres da accidentada peripecia da revista Portugal Futurista en 1917, clausurada pola policía lusa con só un número na rúa. Para Risco, U… ju…juu –que podería verse como a transcrición do aturuxo galaico– amosaba a familiaridade do escritor coas vangardas aínda que despois –como no resto da súa obra e na súa ideoloxía– se convertese nun frontal opositor de calquera corrente anovadora. Chan da Pólvora lembra, porén, o Risco máis axitador con este volume único, onde Carlos L. Bernárdez e Miro Villar indagan nas raíces da súa poesía. Unha visión imprescindible sobre o labor dun home sempre rodeado pola polémica.
Vicente Risco
Vicente Risco (Ourense 1884-1963) é unha das figuras fundamentais e controvertidas da cultura e a política galegas do século XX. Escritor, teórico, ensaista, articulista, dramaturgo ou poeta, Risco cubre un amplo abano dinamizador desde os seus inicios no periodismo, no orientalismo e, finalmente, no galeguismo, do que será un carismático representante. Escribiu o primeiro poema futurista da literatura galega, o primeiro texto teórico nacionalista, a primeira novela moderna en galego –O porco de pé–,fundou o Partido Galeguista (PG) e dirixiu a revista Nós, un baluarte de resistencia doutrinal galega ata o golpe de estado de 1936. Meses antes do sublevamento, nunha liña de progresiva radicalización católica e tradicionalista, impulsou unha escisión do PG e creou, xunto a outros militantes contrariados polo desvío esquerdista de Castelao e Suárez Picallo, o partido Dereita Galeguista. Despois de 1936, ensumido no escurantismo da ditadura, intentará reconstruírse nun escritor do réxime, algo que lle resultará imposible polo seu carácter extravagante e a súa excentricidade relixiosa. Morreu en 1963 en Ourense, a cidade da que nunca logrou liberarse, cando precisamente se ía reconciliando coa lingua galega e cando os novos se achegaban a el coa curiosidade de quen coñece a un mestre clandestino. Entre as súas obras, figuran o relato esotérico O caso que lle aconteceu ao Dr. Albeiros (1919), O lobo da xente (1923), A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925), a xa mentada O porco de pé (1928), a peza teatral O bufón do rei (1928), Mitteleuropa (1934) –unha viaxe á Alemaña de entreguerras na que se amosa simpatías polo nazismo– ou o insólito tratado Satanás, historia del diablo (1956).



