Anne Carson (Toronto, 1950) está considerada a gran voz da poesía anglosaxona pero aínda permanecía inédita en Galicia. Agora, chega ás librarías, da man de Chan da Pólvora, A antropoloxía da auga, un libro de tránsito e viaxes que describe as súas travesías polo Camiño de Santiago e polo interior de Estados Unidos tras a morte do seu pai. Jesús Castro Yáñez, autor de Ultramarino ou da tradución de poemas de Sor Juana Inés de la Cruz Tan puro –ambos publicados en Chan da Pólvora– foi o encargado de realizar a tradución do volume, un traballo coidadoso e vibrante que lle ofrece á afección galega os meticulosos matices da escrita de Carson.
A Antropoloxía da auga é ao tempo poema, ensaio e diario de viaxe, un texto desbordante que adopta a forma do pensamento que poda contelo. Valéndose de palabras en constante movemento, Anne Carson intenta reter as probas dun mundo coñecido que sabe xa fóra do seu alcance. Así, peregrina a paisaxe galega e a americana, os recunchos da familia e do espírito, a incomodidade do desexo ou a ansia de penitencia. E na caixa negra dese transitar queda rexistrado un mapa das súas relacións co xénero masculino, que se revela con máis elipses que liñas ou palabras que preferirían ser simplemente o impulso nervioso que convocan. É posible a iluminación mística sen que o fulgor da busca te acabe cegando? Pode un mal nadador moverse con fluidez nas augas da linguaxe? Cal é a densidade do incomunicable? Este libro fai preguntas coma quen trasfega un mar enteiro na cunca das mans e só se pode asistir con abraio á sede insaciable que se manifesta na escrita de Carson, unha figura capital das letras contemporáneas.
A Anne Carson gústalle que nas notas biográficas dos seus libros aparezan unicamente dous datos: que naceu no Canadá e que gaña a vida ensinando grego antigo. A súa traxectoria, porén, agacha fitos importantes. En 1992, aos 42 anos, publicou o seu primeiro poemario Short Talks. ao que lle seguiron dous títulos nos que, segundo a crítica, “desdebuxa a distancia entre narración, poesía e ensaio”. Un deles era, precisamente, Plainwater título orixinal de A antropoloxía da auga. No ano 2001 publicou A beleza del marido, talvez o seu libro máis coñecido, que lle valeu o Premio T. S. Eliot de poesía, concedido por primeira vez a unha muller. En 2020 recibiu o Premio Princesa de Asturias das Letras. O xurado destacou “a súa capacidade para construír unha poética anovadora a partir do estudo do mundo grecolatino” e que acadou “unas cotas de intensidade e solvencia intelectual que a sitúan entre os escritores máis destacados do presente”.
Jesús Castro Yáñez
Jesús Castro Yáñez (A Patoriza, 1992) está considerado un dos poetas máis persoais da nova poesía galega, á que lle achegou dous libros, Os nomes e os himnos (publicado en 2016, Premio Pérez Parallé) e Ultramarino, que inaugurou para Chan da Pólvora a colección Areal de Melide. Nesta mesma editorial publicou a tradución de varios poemas de Sor Juana Inés de la Cruz para a colección Rabo de Egua. Tamén publicou a antoloxía de poesia LGTB+ Campo de plumas (2021).