Publicado o

Chan da Pólvora renova a aposta pola poesía en Monforte con Jose||González, Fortes e López Alonso

Un ano máis, Chan da Pólvora aposta pola cultura en Monforte e ofrece un programa específico para a súa Feira do Libro, onde se presenta desde hai oito anos con algunhas das propostas poéticas máis relevantes do país. Nesta ocasión, o programa concéntrase no día 22 de agosto, a partir das 19.30, e inclúe a presentación de Unha casa con ela, o primeiro poemario de Jose||González, narrador monfortino que ata agora só publicaba novela en castelán. Canda el estarán dous poetas moi vinculados a Chan da Pólvora: Antóm Fortes e Luís López Alonso, cun recital sobre os seus libros ‘Trânsito’ e ‘Salífero’.

O xoves 22 de agosto, a partir das 19.30 horas, nas carpas instaladas na Rúa do Cardeal, Chan da Pólvora ofrece na Feira do Libro de Monforte de Lemos un programa específico de poesía. Con el renova a sua posta por fornecer o evento e achegar á cidade algunhas das voces máis importantes do panorama poético galego. Neste caso, o programa ten unha especial relevancia xa que nel se presentará Unha casa con ela, o primeiro poemario e tamén o primeiro libro en galego do escritor monfortino Jose||González. Canda el están no programa Antóm Fortes e Luís López Alonso, autores de Trânsito e Salífero, dos que farán unha lectura referenciada.

Unha casa con ela irrompeu en Jose||González como unha enxurrada. Ademais de ser unha obra que inaugura un novo ciclo creativo no autor, tamén nace ao inciio dunha nova vida nunha casa allea pero nunha terra –o Val de Lemos– que lle pertence, xa que é alí onde naceu. Sobre esta base emocional, reconstrúe a súa lingua como unha paisaxe habitada por seres que saen da escuridade para salvarnos. O libro é inquietante, perturbador, lúgubre por momentos pero luminoso ao cabo como as miradas dun animal.

Jose||González (Monforte de Lemos, 1981) é graduado en Cinematografía e Artes Visuais. É autor das novelas La visita (Caballo de Troya, 2013), Ella siempre está (Papeles Mínimos, 2016) e Tú también vencerás (Las afueras, 2021).

‘Trânsito’ de Antóm Fortes e ‘Salífero’ de Luís López Alonso

O programa de Chan da Pólvora para a Feira do Libro de Monforte inclúe o recital de dous poetas sarrianos: Antóm Fortes e Luís López Alonso. Os dous publicaron na editora Trânsito e Salífero, libros dos que farán unha lectura referenciada.

Salífero é un estado que vai alá da consciencia. Un espazo entre varios ámbitos. Un fluír que nos envolve e arremuíña. Unha loita entre a palabra e o seu significado. Unha voz que borboriña desde o lugar profundo onde comeza a vida. Luís López Alonso construíu este libro coa determinación de inzar unha obra conceptual, destinada a ser compartida. Comezouno en 2010 e rematouno en 2018, durante un período de convivencia con Genaro da Silva. Boa parte dos poemas xurdiron dun «estar poético» –case novoneyriano– en lugares como a Ribeira Sacra, a Raia húmida do Miño, Arousa, Granada ou o Kuršių marios de Lituania, sempre co mar presente. É un libro que tamén lle debe moito ás lecturas teimudas de Jean Bollack, Arnau Pons, Peter Szondi ou Hans-Georg Gadamer, á Lingüística e ao estudo do código lingüístico galego-portugués.

Luís López Alonso (Sarria, 1977) é boticario, lingüista e escritor. Traballa como profesor e investigador da área de Lingüística xeral do departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo. Colaborou en diversas publicacións, residencias e intervencións, entre elas a Revista dos tr3sreinos, a residencia Rosalía en Camiño da Fundación Rosalía de Castro e a residencia Ámeto Mítico da Fundación Uxío Novoneyra. Ademais de Salífero, publicou varias obras colectivas e a peza multidisciplinar Salífero opus #, baseada no poema homónimo e creada en colaboración co fotógrafo e músico Rafael Mallo. Formou parte de Lupercais (Unha antoloxía posible), publicada tamén por Chan da pólvora (2023). Creou e guionizou a serie televisiva Cocorico (RTVG e OQO filmes).

Trânsito é o peche simbólico que Antom Fortes fai dunha triloxía formada por Figuras masculinas de meio-corpo e Sexto fetiche, dous dos libros máis admirados da poesía homoerótica galega. Trátase dunha entrega onde o autor se demerxe na recuperación saudosa dunha biografía afectivo-sexual, convertendo o poema nunha especie de máquina emocional que nos traslada a unha época callada de dificultades no social e significada polas dúbidas de xénero no individual. Pero non só é o pasado o que abrolla por entre os escintilantes versos de Fortes, senón que Trânsito é unha obra xurdida no presente e marcada por unha crise de saúde e de idade. Nese sentido, responde tamén á necesidade dun exercicio de memoria terapéutica fronte á morte.

Antom Fortes Torres (Sarria, 1957) atravesa ao longo da súa traxectoria a poesía, a literatura infantil e xuvenil, a tradución e tamén a escrita de guións. Actualmente forma parte do grupo das Lupercais. A súa obra inclñue títulos como Figuras masculinas de meio-corpo, Sexto fetiche, Ofelia sen dó ou Gris Cinza. No ámbito das obras dirixidas ao público xuvenil, figuran Caderno animalista, Fume ou Á sombra dos anacardos.