Chan da Pólvora Editora renova a súa aposta pola Feira do Libro de Monforte de Lemos e presenta este mércores día 24 de agosto, na xornada inaugural do encontro, dous dos seus títulos máis celebrados na temporada: Neve de agosto de Nieves Neira e Simún de Nuria Vilán Prado. Previamente, Xosé Rodríguez Díaz presentará Extraordinario de Anton Lopo, director da editora. Será un programa completo que se desenvolverá na rúa do Cardeal de Monforte a partir das oito da tarde.
Son dúas mulleres de personalidade marcada que acaban de publicar o seu primeiro poemario e con elas Chan da Pólvora fixo un particular lanzamento de cara ao verán. Pero os resultados superaron as expectativas: Nieves Neira vai pola segunda edición de Neve de agosto cando só hai dous meses que se publicou e Nuria Vilán Prado está a punto de esgotar dúas edicións de Simún, o seu sorprendente libro. As dúas comparten, ademais, un estilo singular de achegarse á oralidade. Nuria Vilán Prado –tamén coñecida co alcume de Nuria Vil– ven directamente do slam e da poesía oral, xéneros dos que é unha referente en Galicia, mentres Nieves Neira se achega nas súas aparicións públicas ás claves da performance. Xuntas conforman un calidoscopio de voces que de maneira única poderá escoitarse na Feira de Monforte.
Nieves Neira Roca
Nieves Neira Roca (Lugo, 1983) publica desde hai anos textos poéticos e críticos en distintos medios pero, sobre todo, é recoñecida polo seu traballo periodístico. Como autora, deuse a coñecer con O feitizo de Maruja Roca, un asombroso libro sobre a súa tía avoa, unha fotógrafa do Becerreá da posguerra. Actualmente escribe unha tese sobre Uxío Novoneyra, poeta de referencia familiar e vital co que está profundamente vencellada. De feito, é unha das máis estreitas colaboradoras da Fundación que coida o legado do escritor no Courel.
Nuria Vilán Prado
Nuria Vilán Prado (Santo André de Comesaña, Vigo, 1993) forma parte do proxecto de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro canda Vanessa Glemsel. Traballa como creadora de contidos na canle Coidado coa cadela e xestiona tamén un perfil na plataforma de mecenado Patreon. Colaborou en proxectos de carácter multidisciplinar, entre eles o espectáculo Por Xela!, realizado polo grupo A Banda da Loba en homenaxe a Xela Arias. Mantén unha colaboración coa marca de roupa ourensá Salsa Gaucha, que traballa pezas textiles a partir de poemas e versos. Formouse en estudos relacionados con lingua e a literatura nas universidades de Vigo e Santiago de Compostela. É integrante da plataforma literaria A Sega. Simún é o seu primeiro libro.