Publicado o

Chan da Pólvora rescata os ‘Cadernos persoais’ de Lois Pereiro no seu 25 aniversario

 

Chan da Pólvora réndelle homenaxe a Lois Pereiro no 25 aniversario da sua morte –24 de mayo de 1996– coa publicacióm dun conxunto de cadernos inéditos que nos descubren novas perspectivas do seu proceso creativo e nos devolven a atmosfera fascinante dun poeta que atopou nas ondulacións da mente a palabra exacta da poesía. O libro, con edición e notas de Hector Cajaraville, formará parte da colección Cova da Lontra e súmase aos actos que se lle renderán ao longo do ano. Precisamente, este martes día 16 –cuando cumpriría 63 anos–  o Ateneo Casino da súa cidade natal, Monforte de Lemos, comeza unha iniciativa de difusión no cancelo #LP25anos, que lle permitirá que todas as persoas subir un vídeo dun minuto onde reciten os versos do poeta. Entre outras personalidades da cultura, penduraranse intervencións de Manuel Rivas, Olga Novo ou Mercedes Peón.

A edición de Chan da Pólvora, baixo o título Cadernos persoais, ofrecerá un material prezado e descoñecido, cunha introdución do propio Cajaraville sobre o volume, sen dúbida unha das achegas máis importantes á efeméride.

O valor dos cadernos, cedidos pola familia, non é soamente documental ou biográfico, senón de grande intensidade literaria, en tanto que proporcionan un novidoso panorama sobre o proceso creativo dun escritor que concibiu a poesía como medio de liberarse da opresión social e que se convertiu, desde o Día das Letras que lle dedicaron en 2011, nunha das figuras máis admiradas e queridas da literatura galega recente.

Os textos que publica agora Chan da Pólvora, como subliña Cajaraville, “están extraídos de cinco blocs escritos polo autor entre os anos 1989 e 1993 e conservados polo seu irmán Xosé Manuel xunto con outros textos manuscritos inéditos. A maioría das anotacións que os compoñen están realizadas coincidindo coas múltiples viaxes que realizou por diferentes países europeos (Francia, Alemaña, Bélxica e Reino Unido) durante eses anos. Ademais, o volume inclúe a transcrición dunha axenda de 1996 (regalo de Isabel, muller de Xosé Manuel) que contén apuntamentos realizados entre os meses de xaneiro e abril dese ano, o derradeiro da vida de Lois”.

Trátase, en definitiva, dun material heteroxéneo no que poden atoparse anotacións “a xeito de diario íntimo” ou poemas enteiros, ademais de ideas para relatos, aforismos, citas literarias e musicais, “pensamentos breves ou reflexións longas, vivencias e anécdotas das viaxes”, mesmo “sentenzas non exentas de enxeño e humor”.

Sen dúbida, estamos ante un volume que permite revisitar, en todo o seu esplendor, o característico e engaiolante Mundo Lois.