Publicado o

Chan da Pólvora Editora: seis anos publicando a poesía necesaria

O día 28 de xuño, cando Chan da Pólvora Editora celebra o seu sexto aniversario, non só escoitaremos as voces de Ana Romaní e Nuria Vilán Prado para presentar a remozada colección Sentulo, senón que tamén poderemos ver as fotografías coas que Manuel Álvarez construíu Seredes mar, o título máis recente da colección Onsa. Ademais, no acto participará Raúl Gómez Pato, tradutor do poema Inmortal Afrodita co que Chan da Pólvora contribúe ás celebracións comunais deste 28, aniversario do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia e eixo das reivindicacións dos colectrivos lgtbi. A festa da editora, que conta con entrada libre ata completar aforo pero na que tamén se poden facer reservas, ofrecerá como agasallo unha cata de viños colleiteiros de dúas viñas da Ribeira Sacra, unha que proporciona caldos de pedal exquisito en Vilachá [cultivada polo Carlos de Mourelos] e outra nas Solveiras, xa no concello de Monforte [cultivada por un dos viñateiros heroicos da rexión, O Pereco].

 

A Horta das Chas

A Horta das Chas supuxo na súa inauguración, en xuño de 2020, a apertura á cidade dun ámbito privado de grande singularidade. Trátase dun predio de seiscentos metros cadrados [situado na Corredoira da Fraguas,] que forma parte dunha área de cultivos entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Leis, Clavixo e Fraguas. A denominación de Horta das Chas recolle a disposición en socalcos deste predio, onde tamén se asenta unha das institucións máis activas do barrio de San Pedro, a asociación A Xuntanza.

A vocación editorial, con todo, parece unha corrente submersa na memoria do lugar, xa que aquí existíu durante anos unha imprenta, chamada Sanper, que subsiste coas súas sílabas inversas, Persan, no Polígono do Tambre. Varias planchas de zinc da antiga imprenta apareceron soterradas no proceso de recuperación do predio e agora exhíbense nunha intervencións artísticas de Tala. 

O conxunto de hortas desta mazá conforma unha paisaxe practicamente descoñecida na cidade, con cultivos de autobastecemento e xardíns. Nelas medrou un ecosistema urbano de riqueza ecolóxica, con abondosas colonias de paxaros e aves. Nesta mazá desenvolve tamén a súa experiencia artística Berto Leis, creador dun persoal campo de figuras e tecidos ao último da rua Ferreiro Leis.

 

A colección ‘Sentulo’

Sentulo, topónimo que alude a un illote da costa de Ons, é unha aposta fronte á inflación desbocada e ao encarecemento do papel. Nese desafío, Chan da Pólvora propón relanzar a súa colección de libros de man, que se iniciara coa antoloxía Os dentes da mazá. Os novos títulos manteñen a vertente de entón, caracterizada pola esmerada selección de textos, un prezo excepcional de doce euros e o coidado material que fai dos volumes do selo un obxecto tamén de disfrute táctil e visual. Para o relanzamento da colección, reeditáronse Simún de Nuria Vil –un dos acontecementos poéticos dos últimos meses–, A desvértebra de Ana Romaní –aclamada tanto pola crítica como polo público– ou O gran poema, poderosa epopea coa que Constantino Bértolo recuperou o galego para a súa obra. Canda eles, publicouse o primeiro libro de poemas de Nieves Neira Roca, Neve de agosto.

 

Nuria Vilán Prado

Para presentar a colección Sentulo, contamos coa presenza de dúas voces poderosas dentro do panorama actual da poesía galega: Nuria Vilán Prado (ou Nuria Vil) e Ana Romaní. 

Nuria Vilán Prado (Santo André de Comesaña, Vigo, 1993) forma parte do proxecto de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro canda Vanessa Glemsel. Traballa como creadora de contidos na canle Coidado coa cadela e xestiona tamén un perfil na plataforma de mecenado Patreon. Colaborou en proxectos de carácter multidisciplinar, entre eles o espectáculo Por Xela!, realizado polo grupo A Banda da Loba en homenaxe a Xela Arias. Mantén unha colaboración coa marca de roupa ourensá Salsa Gaucha, que traballa pezas textiles a partir de poemas e versos. Formouse en estudos relacionados con lingua e a literatura nas universidades de Vigo e Santiago de Compostela. É integrante da plataforma literaria A Sega. Simún é o seu primeiro libro.

 

Ana Romaní

Ana Romaní (Noia, 1962) é unha das voces fundamentais da poesía galega das útimas décadas, con libros como Arden (1998), Love me tender. 24 Pezas mínimas para unha caixa de música (2005) ou Estremas ( 2010). Tamén é unha figura fundamental do periodismo cultural des que en 1990 comezou a dirixir o Diario Cultural, programa de referencia no medio radiofónico que lle valeu un recoñecemento unánime, como o Premio Nacional de Periodismo Cultural do ano 2018. Activista, pensadora do feminismo, artífice de proxectos híbridos de expresión como o Laboratorio de indagacións Poéticas (LIPo) e dicidora brillante de poemas en títulos como Estalactitas (2002), Catro poetas suicidas. Intervención poética contra a levidade (2002), A voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos (2003) ou 2% un rectal para esquecer (2019), Ana Romaní autora de numerosos ensaios, entre eles Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas (2019).

 

‘Sexades mar’ de Manuel Álvarez  

Na Horta das Chas tamén exhibirá este día 28 as súas fotografías Manuel Álvarez, autor de Sexades mar, título que Chan da Pólvora coeditou na colección Onsa. O volume, que conta con poemas dun heterónimo do fotógrafo, Helga Cabiddú, e unha introdución de Miro Villar, amosa a capacidade de Manuel Álvarez para afondar na psicoloxía épica das persoas que retrata. Sexades mar é un dos seus traballos máis persoais, despois de publicar no ano 2002 Gameleiros. Agora, achégase de novo á xente do mar e faino para retrar a xente que se dedica á colleita do ourizo na Guarda. A pesca ou recolección do ourizo de mar”, subliña Manuel Álvarez, “pode considerarse como un novo sinal da involución descendente e significativa das capturas de especies tradicionais, que obliga a diversificar o traballo noutras labores no mar. As vendas do ourizo de mar acapararon en 2021 case o 36% do total das vendas na lonxa da Guarda”.

 

‘Inmortal Afrofita’ de Safo

Como é habitua desde a súa fundación en 2016, Chan da Pólvora Editora presentará este 28 unha nova achega da súa colección Rabo de Egua, a única especializada en poesía lgtbi do estado español. Este ano, a poeta que nos acompaña é Safo con Inmortal Afrodita , traducida por Raúl Gómez Pato. Federico García Lorca, Serafín Ferro, Brane Mocetic, Pau Vadell ou Sor Juana Inés de la Cruz son parte d*s autor*s que se inclúen nesta colección.

 

A editorial

Xurdida no contexto dun proxecto comunal que incluía unha libraría, un espazo de arte e unha editorial oral, Chan da Pólvora mantense en activo seis anos despois cun dos máis relevantes catálogos poéticos das últimas décadas en Galicia. Son máis de setenta títulos distribuídos en coleccións temáticas e accións realizadas en colaboración con outras editoriais, institucións, colectivos ou creadores que lle confine ao selol un gran dinamismo e unha personalidade propia.

Ao mesmo tempo promoveu dúas paralelas: a Biblioteca de Mesopotamia [dedicada a obras relacionadas coa Ribeira Sacra] e Batiscafo, destinada a difundir a poesía galega nos ámbitos de lectura en castelán. Máis recentemente, coincidindo coa posta en marcha da web www.chandapolvora.gal, activouse o ámbito dixital LIPo [de poesía sonora e audiovisual, coa participación de Chus Silva e Ana Romaní] e recuperouse o nome de ChanZo para unha revista de descarga gratuíta, accesible mediante a web.

O equipo de Chan da Pólvora está integrado por Antón Lopo [dirección editorial], Manolo Martínez [grafismo], Luísa Iglesias [administración], Iris Cochón e Anxos Sumai [coordinación lingüística e de estilo], Alexandre Fernández Peón [redes sociais] e Fran Domínguez [maquetación]. A iniciativa térmase de oitenta subscritor*s que son os alicerces da editora, tanto no soporte da difusión como na de produción, ao tempo que juntos tecemos un fío de conexión ao longo do país.