Publicado o

Estes días chega ás librarías ‘Cadernos persoais’, o volume inédito de Lois Pereiro

Chan da Pólvora achega ás feiras do libro de Galicia os Cadernos persoais de Lois Pereiro, un dos títulos máis esperados da temporada. O volume, en edición de Héctor Cajaraville, publícase ademais como homenaxe ao poeta cando se cumpren 25 anos da súa morte e inclúe textos de Fernando Saco [o compañeiro de viaxe en varias travesías] e Inés Pereiro, que aprendeu a viaxar co seu irmán.

Desde o pasado 23 de abril, Día do Libro, está nas librarías Cadernos persoais, un conxunto inédito de textos de Lois Pereiro que publica Chan da Pólvora para renderlle homenaxe ao poeta no no 25 aniversario da sua morte –24 de mayo de 1996. O volume recolle un conxunto de cadernos inéditos que nos descubren novas perspectivas do proceso creativo do autor e nos devolven a atmosfera fascinante dun poeta que atopou nas ondulacións da mente a palabra exacta da poesía.

O libro, con edición e notas de Hector Cajaraville, formará parte da colección Cova da Lontra, ofrecerá un material prezado e descoñecido, cunha introdución do propio Cajaraville sobre o volume, sen dúbida unha das achegas máis importantes á efeméride. O valor dos cadernos, cedidos pola familia, non é soamente documental ou biográfico, senón de grande intensidade literaria, en tanto que proporcionan un novidoso panorama sobre o proceso creativo dun escritor que concibiu a poesía como medio de liberarse da opresión social e que se convertiu, desde o Día das Letras que lle dedicaron en 2011, nunha das figuras máis admiradas e queridas da literatura galega recente.

Os textos que publica agora Chan da Pólvora, como subliña Cajaraville, “están extraídos de cinco blocs escritos polo autor entre os anos 1989 e 1993 e conservados polo seu irmán Xosé Manuel xunto con outros textos manuscritos inéditos. A maioría das anotacións que os compoñen están realizadas coincidindo coas múltiples viaxes que realizou por diferentes países europeos (Francia, Alemaña, Bélxica e Reino Unido) durante eses anos. Ademais, o volume inclúe a transcrición dunha axenda de 1996 (regalo de Isabel, muller de Xosé Manuel) que contén apuntamentos realizados entre os meses de xaneiro e abril dese ano, o derradeiro da vida de Lois”.

Trátase, en definitiva, dun material heteroxéneo no que poden atoparse anotacións “a xeito de diario íntimo” ou poemas enteiros, ademais de ideas para relatos, aforismos, citas literarias e musicais, “pensamentos breves ou reflexións longas, vivencias e anécdotas das viaxes”, mesmo “sentenzas non exentas de enxeño e humor”.

Sen dúbida, estamos ante un volume que permite revisitar, en todo o seu esplendor, o característico e engaiolante Mundo Lois.