Publicado o

Cinco anos, unha eternidade, Fran

Un día como hoxe, 5 de outubro, pero de 2016, morría en Bora o poeta Francisco Cortegoso, autor de Suicidas, un dos primeiros libros que publicou Chan da Pólvora Editora. De feito, Cortegoso estivo ligado de maneira moi estreita ao proxecto e participou, entre outros, na inauguración da libraría que existíu no número 74 da rúa de San Pedro, en Compostela, denominada tamén Chan da Pólvora.

Francisco Cortegoso, nacido en Pontevedra en 1985, deuse a coñecer como poeta en 2008 no suplemento Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe co conxunto de textos Ningún home. Pero cando comezou a gañar relevancia foi a partir de 2013 coa publicación de Memorial e danza, libro co que gañou o Premio de poesía Pérez Parallé. A aparición de Suicidas, só un día antes do seu falecemento tras loitar dous anos contra un cancro, confirmou a singularidade dunha voz poética que o tempo non fixo máis que engrandecer.

Chan da Pólvora réndelle homenaxe para lembrar o seu quinto aniversario coa publicación do texto Je vous salue, Francisco Cortegoso, de Pablo Fidalgo. O volume aparecerá o próximo mes de novembro. “É difícil ler a Cortegoso sen amalo”, escribiu Antón Lopo, o seu editor. “Miralo sen quedar hipnotizado pola forza do seu sorriso e da súa mirada, envolta nunha provoación lúdica, de atrevemento inocente”.

Os textos de Suicidas, engadía Lopo, “son a resposta dun autor insurxente ante un dilema clave na literatura: a consciencia de como a palabra nos forza a ser violentos. Para el, a literatura debe transmutar esa violencia. A través de sintaxes inflamadas e atmosferas de vesania densa, indaga na vea máis profunda da creación para enfrontarse aos totalitarismos: o nihilista e o do ser. Cortegoso sostiña que o verdadeiro problema da poesía é superar a linguaxe posesiva e desvelar unha linguaxe que poida acoller ao outro. Porque a linguaxe tende á totalización do outro, non ao seu desenvolvemento. Iso é o que os seus versos, precisamente, combatían”.