O programa 2022 da Horta das Chas, o espazo espefísico para a poesía creado por Chan da Pólvora Editora, chega ao seu remate este venres 30 de setembro cun recital do Grupo das Lupercais, colectivo lucense que se presenta oficialmente en Galicia con nove dos seus once integrantes, Genaro da Silva, Nieves Neira, Luís López Alonso, Luís Valle, María Grandío, Antom Fortes, Abraham Pérez, Xerardo Quintiá e Sara Plaza. Previamente, o xoves 29, Lorena Souto executará un exercicio de indagación sobre a construción e autopercepción do eu. Ambos recitais terán lugar no Almacén da Horta a partir das 19 horas.
Aínda que a Horta das Chas –o espazo espefísico de Chan da Pólvora Editora– se inaugurou en xuño de 2020, houbo que agardar á fin da pandemia para dotalo dun ciclo estable de actividades e o resultado foi un programa que desde o 24 de xullo encheu de poesía inesperada o verán de Compostela. O balanzo non pode ser máis positivo: consolidouse a Horta como ámbito de acción, abriuse unha nova supercie cuberta –o Almacén, destinado a acoller eventos en días de chuva–, celebráronse recitais de gran afluencia, presentáronse apostas tan novidosas como a de Clo Plas –o dúo de Xiana Arias e Berio Molina– ou celebráronse regresos de poetas clave da xeración dos noventa como Emma Couceiro e Miro Villar. Porén, non estiveron sós: durante as nove xornadas que integran o programa puidemos asistir ás propostas de Afonso Traficante coa música electrónica, Alicia Fernández e Eduard Velasco –nunha polémica acción coa placenta da súa filla Carme–, Cesáreo Sánchez Iglesias a través da súa experiencia oriental, Rafa Lobelle na reformulación da lírica rural ou Ana Romaní e Chus Silva, que presentaron o último libro da poeta de Noia, A desvértebra.
Lorena Souto
Agora, para pechar o prograna, a Horta das Chas acolle dous recitais de moi distinta factura. O xoves 29 de setembro, a partir das 19 horas no Almacén, Lorena Souto perseguirá a través da súa obra os fíos que nela deita ese nobelo-teima que é a construción e autopercepción do eu. Trátase de abordar a identidade, asegura a poeta, “como espazo en construción, revisión, conflito e ruptura. A imaxe que reflicten os espellos ou os ollos dos demais e na que non nos recoñecemos, os pactos aos que chegamos con nós mesm*s, a disección entomolóxica da propia experiencia para (re)atoparnos nunha liña xenealóxica ou afastarnos dela, o que resta entre o cascallo despois de perdérmonos…”
A publicación de Coleópteros na colección Malaca de Fóra de Chan da Pólvora converteuse nun acontecemento editorial que fixo de Lorena Souto (O Páramo, 1983) unha das poetas referencias da temporada. Non era para menos: a súa palabra e a súa voz son unha intensa mestura de emocións e de forza literaria. Desde Coleópteros non a volvimos escoitar recitar e a súa intervención na Horta das Chas parece unha oportunidade excelente para sorprendernos de novo coa súa voz.
O Grupo das Lupercais
Nove dos once integrantes do Grupo das Lupercais estarán no Almacén das Chas o venres 3o de setembro, a partir das 19 horas. O colectivo reúne a poetas de longa traxectoria como Miguel Ángel Curiel ou Antom Fortes, pero a maioría dos integrantes son novos, aínda que xa teñan forxada a súa voz, como Genaro da Silva, Luís López Alonso, Luís Valle, Xerardo Quintiá ou Nieves Neira. Tamén hai no grupo poetas que, sen dúbida, sorprenderán pola súa singular aposta, como Abrahán Pérez ou María Grandío.
No mes de febreiro deste ano celebráronse en Lugo as Lupercais poéticas, un dos acontecementos culturais da cidade. Ademais dalgúns invitados chegados de fóra, o groso dos participantes estaba conformado por poetas vencellados a Lugo “unidos pola amizade e a admiración mutua”, confesaron eles mesmos. Así, o Grupo das Lupercais non atende a ningunha cuestión máis que “ao pracer que atopamos en xuntármonos para ir aos bares e aos cafés, falarmos de barcos, lermos mutuamente e compartir o tempo de vida”. Trátase dun grupo non pechado (medrou e conformouse pouco a pouco nos últimos anos) que sorprende pola diversidade e pola súa calidade. Un horizonte por descubrir para o pechar setembro e o programa 2022 das Chas.