Foron anos dun proceso “lento e envelenado” que deu como resultado Pobreza de Espírito, o libro publicado por Chan da Pólvora co que Emma Couceiro regresa á poesía tras unha década de silencio. O libro preséntase este venres 14 de febreiro, a partir das 19 horas, na libraría Moito Conto da Coruña coa compaña da poeta e editora Dores Tembrás, encargada de presentalo. No seu regreso, a autora non só foi depurando e interiorizando o ritmo dos seus versos, senón que tamén nos propón unha reflexión sobre certos valores de ampla aceptación social que nos permiten converternos “nunha persoa de proveito”, como o éxito ou o fracaso. Deste xeito, a lectura de Pobreza de espírito conxuga a madurez formal de Emma Couceiro coa súa capacidade de indagación, sutil na aserción, inclemente no seu fondo corrosivo.
Couceiro rompe con este poemario un silencio que se alongou máis dunha década e que supón o reencontro cunha das poetas máis admiradas da literatura galega. A poesía, nun momento determinado, chegou a facela sentir verdadeiramente baleira, coma se se lle roubase algo, asegura a autora. En parte sucedeu porque elixiu cuestionarse a si mesma constantemente, e en parte por todo o que non ten que ver con ela e, porén, a acompaña. Pobreza de espírito traballa, precisamente, esa relación tóxica.