Chan da Pólvora lembra o 25 aniversario do Batallón da Costa da Morte coa publicación de Feros Corvos, un libro preparado pola crítica literaria Teresa Seara que chega esta semana ás librarías dentro da colección Cova da lontra. O colectivo fundouse o 1 de maio de 1996 como confluencia dunha serie de grupos e asociacións que intentaban enfrontarse ás condicións adversas da cultura e que arelaban, sobre todo, publicar. A crítica literaria Teresa Seara acompañounos en parte do seu camiño e agora reconstrúe para Chan da Pólvora Editora aquela travesía nun libro que escolma os poemas do Batallón e fai memoria dun período carregado de vivacidade. Esta fin de semana o libro será un agasallo da Secretaría Xeral de Política Lingüística –que apoiou a edición do volume– no recital que os membros do batallón realizarán no Parador da Costa da Morte o día 18 a partir das seis da tarde.
O Batallón Literario da Costa da Morte converteuse en pouco máis de dous anos de actividade nun dos colectivos referenciais da acción poética en Galicia. Esa vertixe histórica e a enerxía despregada en tan pouco tempo é un indicativo do lévedo que axitaba o país nas turbulencias da fin de século. Pero tamén o sinal dunha mocidade que esixía un espazo propio nas dinámicas do relevo xeracional.
Agora, 25 anos depois, alguns dos membros do Batallón, Alexandre Nerium, Concha Blanco, David Creus, Estevo Creus, Marilar Aleixandre, Miro Villar, Modesto Fraga, Mónica Góñez, Rafa Vilar e Serxio Iglesias reúnense de novo para dar un recital de celebración. Será no Parador da Costa da Morte en Muxía, nun acto organizado polo propio Parador xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ofrecerá de agasallo Feros Corvos e tamén a edición facsimilar da folla voandiera que publicou o Batallón con ese mesmo nome. Teresa Seara será a mantenedora do acto.