O multifacético creador británico John Berger e a escritora canadesa Anne Michaels tecen o diálogo que sostén Ferrovías, o novo título que Chan da Pólvora publica na súa colección de traducións O Río. Ferrovías, verquida ao galego por Martín Veiga, inclúe unha serie de fotografías de Tereza Stehlíková que sirven de recreación visual ao diálogo de Berger e Michaels sobre o ferrocarril, a memoria e o tránsito.
Ferrovías [en inglés titulada Railtracks] é unha das obras máis descoñecidas dentro das linguas hispánicas de John Berguer [Londres, 1926–París, 2017], un autor vinculado especialmente a Galicia e recoñecido mundialmente polo seu compromiso literario e político. Entre os seus títulos máis admirados, figura Porca terra, obra na que retrata un mundo rural tan resistente á historia como imprevisible. En palabras de Manuel Rivas, estes relatos están escritos “cunha mirada fértil e rebelde á vez. Ao igual que nos seus inesquecibles escritos sobre arte, en Porca terra a lectura é un proceso de descubrimento daquilo que se oculta para facelo desaparecer e do que se esconde para sobrevivir”.
Ferrovías, traducido ao galego por Martín Veiga, é unha prolongación dese mundo estraño e ao tempo próximo, onde a escrita esconde a evocación dunha realidade oculta. O libro foi o froito dunha colaboración única entre dous escritores de notábel mérito. Unha profunda meditación sobre os ferrocarrís, o amor e a perda, ao mesmo tempo íntima e comprometida, que se move do industrial ao metafísico, dos cambios tectónicos da globalización aos latexos interiores da memoria e do presente a un pasado que aínda existe en rastros vívidos, esenciais.
O diálogo, sensual e exploratorio acompáñase da evocadora fotografía de Tereza Stehlíková, que traza o seu atmosférico paso en tren polas boscosas paisaxes invernais do sur de Bohemia. Convocando historias poderosas e ocultas, e viaxes profundamente persoais, Ferrovías procura, cunha urxencia rigorosa e reflexiva, dar testemuño da dor das separacións e o consolo dos encontros.
*s autor*s
John Berger é un dos intelectuais máis influentes do noso tempo. Autor dunha obra ampla, rica e versátil como poeta, narrador, ensaísta, pintor e crítico de arte, as súas publicacións máis recentes inclúen Hold Everything Dear, From A to X e Bento’s Sketchbook. Nado en Inglaterra, viviu durante máis de medio século en Francia, onde faleceu en 2017.
Anne Michaels recibiu múltiples galardóns e recoñecemento internacional polas súas novelas Fugitive Pieces e The Winter Vault. É tamén autora dos libros de poemas The Weight of Oranges, Miner’s Pond, Skin Divers, Correspondences e All We Saw, así como do ensaio Infinite Gradation. Entre 2016 e 2019 ocupou o cargo de Poet Laureate de Toronto, cidade onde reside.
Tereza Stehlíková é unha artista, cineasta e profesora de artes visuais na University of Westminster cuxo traballo se centra na imaxe en movemento e a performance. Entre moitas outras actividades, fundou a revista interartística Artesian e o colectivo internacional de artistas e investigadoras Sensory Sites, dedicado a xerar proxectos colaborativos que exploran a percepción multisensorial e a experiencia corporal.
Martín Veiga é poeta, tradutor e profesor de estudos hispánicos na University College Cork, onde dirixe o Irish Centre for Galician Studies. Como investigador dedícase principalmente ao estudo da poesía contemporánea, a tradución literaria e a literatura de viaxes no ámbito ibérico. Entre os seus libros de poemas figuran As últimas ruínas, Ollos de ámbar, Fundaxes e Diario de Crosses Green.