Publicado o

‘Figuras masculinas de meio-corpo’, de Antom Fortes, Libro do Orgullo Galego 2020

Antom Fortes

Tras permanecer máis dunha década inédito, en 1997 publícase Figuras masculinas de meio-corpo, de Antom Fortes, un libro que abre unha singular vía expresiva na poesía galega dos anos noventa. Agora, vinte anos despois da súa publicación, Chan da Pólvora Editora recupera o texto e dedícalle o Libro do Orgullo Galego 2020, celebración que une a homenaxe ao Estatuto de Autonomía de 1936 e a loita polos dereitos da comunidade LGTBI+, efemérides ambas que coinciden no 28 de xuño.  Ese día, precisamente, a editora compre catro anos de actividade e para celebralo presenta o libro de Fortes na Horta das Chás, en Compostela, nun acto no que participa Xosé María Álvarez Cáccamo e no que tamén se presenta Dendrita de Paula Luís, con introdución de Estíbaliz Espinosa.

A conmemoración do Libro do Orgullo Galego foi creada en 2016 pola comunidade de Chan da Pólvora e baixo a súa impronta publicáronse textos de Ramón Suárez Picallo, Brane Mocetic, Federico García Lorca ou Serafín Ferro. Todas estas obras forman parte da colección Rabo de Egua, a única que existe en Galicia dedicada a recuperar obras que se moven na indagación das identidades e do xénero para integralas na memoria colectiva. Agora é a quenda de Figuras masculinas de meio-corpo, publicada inicialmente na colección Illa Verde de Espiral Maior. A proposta de Antom Fortes, de poderosa imaxinería e engaiolantes atmosferas, entroncou entón coa estética e a cultura dos movementos gai que operaban en Galicia e que en 2001 lle conceden o Premio Legais pola súa contribución á visibilidade das persoas homosexuais.

A achega de Chan da Pólvora Editora inclúe a engádega dunhas contornas onde Xosé María Álvarez Cáccamo e Luís López Alonso esculcan as características da obra pero tamén as do seu autor. A traxectoria literaria e política de Fortes Torres (Sarria, 1957) discorren en paralelo pola senda do nacionalismo, de xeito máis prolongado no BNG e en Compromiso por Galicia. Cando publica Figuras masculinas de meio-corpo era concelleiro na súa vila de orixe, activismo local ao que seguiu fiel ata 2019, momento no que abandona a primeira liña da política.

Profesor de instituto e impulsor do colectivo Círculos Líticos –xunto a Lois Diéguez, Isidro Novo ou Marica Campo–, publicou títulos encadrados nos máis variados xéneros, con especial repercusión no ámbito infantil e xuvenil. Entre os seus libros, figuran o poemario Sexto fetiche –en continuidade con Figuras–, a narración xuvenil Fume –Premio no White Ravens do 2009 da Universidade de Munich– ou traducións de autores como Pep Bruno, Pablo Albo ou Svjetlan Junakovic. Entre outros galardóns, recibiu no ano 2017 o V Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro polo conxunto de poemas Ofelia sen dó.

A obra

Figuras masculinas de meio-corpo xurde, segundo indica o propio Antón Fortes, porque precisaba rescatar a súa vida afectiva, “que se estaba diluíndo”. Pero tamén porque quería plasmar a súa chegada a Compostela, onde traballou de profesor no curso 1984-85. Foi, subliña, unha experiencia que tivo “as súas luces e as súas  sombras”, algo que dalgunha maneira se reflicte no poemario.

Sobre o feito de que tardase dez anos en publicalo, Fortes asegura non era doado publicar na norma reintegracionista, norma na que o libro está escrito. “Ademais”, engade, “estaba alonxado dos círculos poéticos. Marisa Núñez e Xosé María Álvarez Cáccamo foron a ponte sen a que non sairía publicado”. O seu seguinte título é Sexto fetiche, do 2001, nunha edición de autor, onde recupera as atmosferas de Figuras masculinas pero desde novas perspectivas formais. Entre as influencias que salienta o autor, figuran Luis Cernuda, Kavafis, os portugueses Eugénio de Andrade e António Botto, Gil-Albert e Gil de Biedma, Villena ou Rimbaud.

Respecto da súa longa traxectoria na política, Fortes considera que foi ese compromiso de intervención pública o que o afastou da escrita. De feito, subliña, “os anos de máis produción coincidiron cos que non era concelleiro”.