Fran Alonso (Vigo, 1963) non só é autor de celebradas novelas, artífice de exitosas antoloxías poéticas para a rapazada ou director dun dos grandes selos editoriais galegos, Xerais. Tamén acometeu unha traxectoira como poeta que se foi consolidando ao longo das últimas décadas con títulos como Persianas, pedramol e outros nervios (1992) ou Terraza (2017). Agora regresa ás librarías co seu libro máis radical, unha aposta que o coloca na vertente das vangardas e que nos dá a oportunidade de descubrir nel unha dimensión (formal e emocional) ata agora oculta. O próximo 21 de decembro, a partir das oito da tarde, o autor presentará o seu poemario na sede da Fundación Euseino? en Vigo ( Rúa México 37, baixo).
Poemas inmóbiles de movemento estático afonda na liña que Fran Alonso ven desenvolvendo desde hai anos sobre as posibilidades plásticas da poesía, característica que neste libro se converte nunha eclosión. Pero non debemos levarnos a engano. Baixo as formas escintilantes agáchase o desacougo dos poemas, talvez os máis escuros que escribiu o autor. O libro xira arredor dun ser de natureza incorpórea, engastadao ao individuo que escribe e aturdido no desalento do frío, no abatemento do corpo, no humus da frustración. O ser debeu perderse na reite- ración das palabras, no labirinto dos conceptos, na confusa arañeira que prendeu coa erosión da engranaxe neuronal mentres o corpo do individuo que escribe se arrastra pola dor, polo desalento, polo desencanto e pola palabra para procurar unha identidade (dubidosa) na incerteza da esperanza.
Fran Alonso
Fran Alonso (Vigo, 1963) é un dos escritores que renovaron a narrativa galega a primeiros dos anos noventa, inicio dunha traxectoria na que tamén ocupará un papel central o seu traballo como responsable de Edicións Xerais e unha aposta pola poesía. O seu primeiro libro de poemas foi Persianas, pedramol e outros nervios (1992). Logo viñeron Tortillas para os obreiros (1996); Subversións (2001); Balada solitaria (2004); Transición (2011), poemario e CD no que recita con María Lado; Poétic@ (2015), poesía electrónica e crossmedia (www.poetica.gal); Estado de malestar (2016/17) pubicado en Twitter (@Tw140Poemas); Terraza (2017) e Poemas inmóbiles de movemento estático (2022), que inclúe versión en videopoema. Especialmente dirixido ao lectorado infantil e xuvenil publicou Cidades (1997); O meu gato é un poeta (2011), en edición estendida con web e CD en colaboración con Xurxo Souto; e os poemarios híbridos Poemas birollos para ler cos ollos (2016) e Street poems (2018).