Publicado o

Chega ás librarías ‘Álbum da cuarta dimensión’, a sorprendente voz de Carlos Lema

Chan da Pólvora Editora acaba de poñer nas librarías Álbum da cuarta dimensión, unha provocadora aposta de Carlos Lema pola materialidade da poesía. Lema liga a poesía aos esforzos relacionados coa eufonía ou coa súa buscada ausencia, coa orde das palabras, co ton, coa altura e coa dicción. “Mesmo no nivel mínimo da articulación fónica, a poesía é algo material”, asegura o poeta sobre a súa posición respecto da creación poética.

Álbum da cuarta dimensión é un libro sorprendente que rompe en certo sentido a liña esbozada polo autor nos seus títulos previos, como O xeito de Freud ou Anomalía, esta última unha plaquette que editou tamén en Chan da Pólvora. A lectura destes poemas, complexa e salvaxe en canto que roussoniana, atravesa terras antes descoñecidas e apreixa o pasado no instante mesmo da súa decadencia e caída, nun exercicio de intensa esixencia formal. Carlos Lema despréndese dos elementos fortuítos e afástase da poesía da revelación ou do rexistro costumista para recoller as voces da cuarta dimensión, a da inscrición na materia, amálgama de tempo e espazo. O resultado é un artefacto extremo.
Palabras que se expanden no son con persistencia de materia escura. “Son poeta serodio publicando”, subliña o autor, “ non escribindo. Escribo desde que era mozo, des que aos dezasete anos lin a xeración beat e Artaud. Non concordo con esa idea romántica do poeta mozo, a miña idea do poeta é a dun neno, a de alguén que aprende a  representar o mundo e a si mesmo nel”.
Desa idea da poesía como representación, xorde Álbum da cuarta dimensión. Da necesidade de estar no mundo como unha cousa máis, engade, “non como un suxeito dador de sentido. A autopoiese é un acceso á igualdade absoluta, fóra de calquera esencia, grasas á autorrepresentación e á representación das outras cousas do mundo. O canto é dicir aquilo que non se pode dicir falando, unha maneira de volverse cousa, algo que deixa de depender do emisor que fala e do que se pode apropiar calquera, calquera que le relaciónase coa poesía, non co poeta”
Os seus poemas falan do que persiste porque, ao seu ver, “a poesía, coma nas psicofonías, recolle as voces da cuarta dimensión, a dimensión da inscrición na materia. Tempo e espazo asimilados na representación desa cuarta dimensión dos mundos”.
O que propón o libro ao cabo é, segundo Carlos Lema, “unha poética que se afasta dos rexistros da poesía da revelación e da poesía costumista, dúas correntes polo de agora dominantes. Este xiro na poética distánciase ao tempo do lirismo da cultura industrial, especialmente o da música lixeira, e da recente poesía narrativo-costumista, contaxiada polo ton coloquial novelesco. Tamén do transcendentalismo de xinea mallarmeana, que sitúa a poesía como vía de salvación. A poesía asúmese como obxecto representativo. A poesía emancípase do raquitismo estilístico ao que nos levou o poema como unidade trascendente, descárgase da obriga de ser un procedemento de veridicción. Ao abandonar o método substractivo, o poema desenvólvese, medra, describe e faise mundo. Materialízase”.


Carlos Lema

Carlos Lema (San Sadurniño, 1958) fixo o camiño no sentido inverso ao habitual e debutou aos cincuenta anos na poesía con O xeito de Freud, libro inzado da melodía do pensamento que lle valeu o Premio Xohán Carballeira (Bueu 2007). Editor de Galaxia, impulsor da nova narrativa dos noventa, responsable da asombrosa plataforma de reflexión Euseino? e filósofo introdutor do realismo especulativo en Galicia, Carlos Lema é un activista que se interroga e disente. Neste sentido, Anomalía confirma a singularidade da súa traxectoria.